Esta mañá tiña lugar a presentación da “Guía das árbores e arbustos do Barco de Valdeorras”, unha publicación dunhas 175 páxinas ao longo das cales se ofrece unha descrición de especies, un glosario, así como unha listaxe de especies en lugares significativos, un índice alfabético das mesmas e un mapa onde se sitúan, organizadas en seis zonas.
Na presentación participaban o alcalde do Barco, Alfredo García; a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, e a de Medio Ambiente, Diana Urdangaray. “O libro describe todas as árbores que temos no Barco, buscando un espírito didáctico, para os colexios, pero tamén a veciñanza, saber como se chaman e onde se atopan”, indicaba o alcalde. O libro, continuaba, “naceu como unha homenaxe a Luis Ramos, que foi concelleiro de Medio Ambiente do Barco”, e anunciaba que se repartirán 500 exemplares o domingo a Feira do Libro do Barco e con eles entregaranse unha planta de acivro.
Diana Urdangaray comentaba que o libro contén máis de 90 especies e de 4.000 exemplares. Ademais inclúe “fotografías e descríbese como é a árbore ou arbusto, as follas e os seus froitos e as súas características”. A edil concluía asegurando que “está feita para os amantes da natureza”.

Feira do Libro
Nese mesmo acto tamén se presentábase a Feira do Libro do Barco, coincidindo coa data das Letras Galegas. “Será unha fin de semana intensa de actividades e de actos, e imos aproveitala tamén para a presentación da guía”, comentaba a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta.
O horario da mostra será 11h.-21:30h. e situarase no Paseo do Malecón, “contará con 8 expositores e un noveno para a presentación dos libros e haberá 12 autores, tanto de Valdeorras como de fóra e haberá actividades como contacontos”, comentaba a concelleira de Cultura, quen explicaba ademais que esta feira estaba organizada en colaboración con Vagalume.
Ademais Pizcueta lembraba as actividades das Letras Galegas en Córgomo (Vilamartín) o día 17 de maio coa Florenciada e ás 21h. actuará o grupo Coribantes na praza do Príncipe, así como as proxeccións de cine en galego os mércores e o día 23 unha actuación para público familiar.
Fotos: Carlos G. Hervella.
