Agosto é o mes festeiro por excelencia no Concello do Bolo e este ano a Feira Irmandiña conta con importantes novidades, entre elas, un concurso de vestimenta de época medieval. Ademais a actividade alongarase ao fin de semana e o día 17 haberá a I Festa do Neno Irmandiño.
Así o adiantaba, na mañá deste venres 1 de agosto, o grupo de goberno presidido por Miguel Ángel García Fariñas na presentación desta inciativa coa que quere “continuar co impulso ao coñecemento da historia e cultura deste concello e dos seus produtos tradicionais e que cada ao vai a máis”, dixo Alberto Vázquez.


O obxectivo é atraer máis visitantes a este municipio e poder xerar tanto movemento social como económico, e con este obxectivo continúase coa terceira edición da Feira que se celebrará o día 14 de agosto, de 11 a 22 horas. A idea parte dun feito singular que ocorreu no castelo no século XV, o asalto á fortificación por parte dos Irmandiños, que provocou a destrución de parte da edificación e a súa posterior reconstrución. Esta é unha parte da historia deste castelo pouco coñecida e única na comarca de Valdeorras, que dende o concello queren promocionar e poñer en valor.

Nesta edición seguirá tendo especial protagonismo a feira de produtos tradicionais da vila e da comarca, como o viño, o aceite, o mel e os embutidos, con máis de 23 postos abertos durante todo o día na praza e nas rúas ao redor do castelo. Ademais, dentro do recinto amurallado instalarase este ano un posto de comida con porco asado ao espeto. Para poder degustalo e debido á limitación do espazo é preferible reservar a entrada a 12 €/persona no Restaurante Volobriga.
Tal como avanzaron na presentación, a actividade, que dá inicio ás festas patronais do Bolo comezará ás 11 horas coa feira de produtos e ás 12 horas será a lectura do pregón a cargo da veciña, Blanca Cotado Galán, quen falará dos seus antepasados e a súa historia. “Cada ano o concello busca que co pregón se homenaxee a figura de xente relevante deste municipio e as súas historias familiares”, aseguran.

Entre as novidades deste ano haberá unha serie de representacións teatrais no exterior do castelo á partir das 20:30 horas, a cargo da compañía catalá Furafollas. Un grupo de teatro provinte de Cataluña que conta nas súas filas con persoas con base no Bolo e noutros partes da comarca de Valdeorras. “De feito a pregoeira deste ano tamén é integrante desta agrupación. Ademais outro dos membros, Anxo Baranga, é o encargado do debuxo do cartel deste ano”.

A outra innovación deste ano será un “concurso de traxes de época”, contou Mayra Martínez, destacando que haberá premios, “cestas con produtos doados polos postos que estarán na Feira, aos que lle damos a grazas” e que se entregán en dúa fases “pola maña os dos nenos e pola tarde os dos adultos”. O prazo de inscrición será do 1 ao 13 de agosto e os participantes poderán anotarse de xeito individual ou en grupo de 4 a máximo 10 persoas, nas oficinas do concello de 10 a 14 horas. Os máis pequenos da casa tamén terán categoría individual e de grupo. Dende o concello animan aos visitantes a asistir vestidos de época para sentirse como os señores e irmandiños na Idade Media. En próximas edicións seguirase ampliando as actividades con esta temática.

A Feira Irmandiña será o día 14 pero este ano tamén haberá actividades o día 17 de agosto. No domingo farase a I Festa do Neno Irmandiño con contacontos e un obradoiro para facer bandeiras cos escudos familiares para os nenos pola mañá e pola tarde no interior do castelo. Para apuntarse a esta festa o prazo será do 1 ao 13 de agosto nas oficinas do concello de 10 a 14 horas. Trátase dunha actividade gratuíta ata cubrir prazas para nenos a partir de 6 anos. “A idea é que os nenos que participen este ano nos obradoiros, poidan facer os seus propios traxes para vir á Feira o ano que vén”, dixo o alcalde, Miguel García, destacando a importancia de que os nenos teñan o seu propio día no programa das festas (do 14 ao 17) que inclúe, cultos, charangas e orquestras.

Para promover o coñecemento da historia do castelo este ano tamén se farán visitas guiadas de balde ao interior do mesmo ás 11, 13:30, 18 e 19:30 horas. Nesas visitas contarase a historia dos Irmandiños e a súa actuación neste castelo. Así como quen eran os donos da fortificación, única en toda a comarca de Valdeorras.
Dende o equipo de goberno convidan a veciños e visitantes a asistir e desfrutar da III Feira Irmandina e tamén do Bolo.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.