Intensa a xornada celebrada este domingo 23 de novembro no Bolo arredor da olaría tradicional.
Pola mañá tiña lugar un interesante obradoiro de cerámica con Antía Caldeiro para facer cerámicas tradicionais como as descubertas no lugar do Seixo; e xa pola tarde celebrábase a inauguración do Museo da Olaría do Seixo no interior do Castelo cun panel de intervencións que incluían os resultados arqueolóxicos por parte da Asociación Sputnik Labrego, responsable da escavación desenvolvida o pasado setembro co obxectivo de “localizar e estudar a olaría de época moderna e contemporánea no lugar do Seixo, cuxa coñecida cerámica gris tivo unha forte expansión durante centurias”, co financiamento do Concello do Bolo a través de fondos do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MiTEco).

Trátase dunha intervención que forma parte do proxecto “O Bolo: Hub de Iniciativas Sostenibles Municipales”, cuxo obxectivo é converter ao concello do Bolo nun referente da innovación e resiliencia no medio rural cuxos “resultados obtidos foron moi importantes, e por iso pagaba a pena facer unha presentación para divulgalos o antes posíbel á comunidade local”, di Carlos Tejerizo, director da intervención.
A xornada deste domingo inclúe a intervención por parte de Agustín Vázquez de Niñodaguia, produtor das réplicas de cerámica que estarán expostas no museo a partir de agora que explicará como as fixo; e unha palestra por parte de Francisco Alonso Toucido, experto en cerámica de época medieval e moderna, que contextualizará a importancia do lugar do Seixo no noroeste peninsular.

Fotos cedidas.