A Asociación Española de Hemocromatosis (AEH), busca o apoio de institucións e organizacións de todo o mundo durante a Semana Mundial da Hemocromatosis, que se celebra do 1 ao 7 de xuño de 2024 para crear conciencia sobre a hemocromatosis hereditaria, un trastorno xenético moi común caracterizado por acumulo de ferro, que afecta a persoas de todos os países.
“O Concello do Barco solidarízase coa AEH no seu labor de chamar a atención da cidadanía sobre esta patoloxía, uníndose así a outros pobos e cidades do mundo que tamén o están facendo. Por iso, decidimos iluminar de cor vermello a Casa do concello (Concello Vello) na tarde-noite de hoxe, 7 de xuño de 2024”, tal e como informa o grupo de goberno local.
Estímase que ao redor de 45.000 españois (1:1000) teñen predisposición xenética á sobrecarga férrica, pero lamentablemente moi poucos saben que a súa saúde pode estar en risco debido a esta afección. A hemocromatosis pode levar a que se absorba e almacene demasiado ferro da dieta no corpo. Se non se detecta precozmente, este acumulo de ferro provocará danos en diferentes órganos, algúns tan vitais como o fígado e o corazón.
A hemocromatosis está infradiagnosticada, en parte porque a conciencia pública sobre a afección é baixa, pero tamén porque os seus síntomas, que inclúen fatiga, depresión e dor nas articulacións, confúndense con outras enfermidades.

