OurenseÚltima hora

O Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia supón “unha oportunidade para reforzar a posición de Ourense como referente termal”

 

“Falar de termalismo é falar de moito máis ca de balnearios. É falar dun recurso multifuncional, dunha riqueza natural que cómpre coñecer, coidar e aproveitar de maneira sostible. É falar de turismo, de economía, de territorio, de benestar e de innovación, pero tamén de algo que está na propia esencia das augas termais: a súa dimensión terapéutica e sanitaria”. Deste xeito comezaba a súa intervención o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, no acto de inauguración do ‘II Congreso Internacional da Xestión da Balneoterapia’, que se desenvolverá principalmente entre hoxe e mañá, 23 de setembro, na Aula Magna Xosé Ángel Valente da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense.

O delegado da Xunta afirmou que investir no termalismo é tamén investir no territorio; e salientou que se trata de apoiar unha actividade profundamente ligada ás nosas vilas e cidades termais, favorecer a súa capacidade para xerar actividade económica e emprego e proxectar Galicia cara ao exterior a través dun recurso que forma parte da nosa propia identidade.

Acompañado da Reitora da Universidade de Vigo, Carmen García; da presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia; María Soledad Espiño; do presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor e do decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, Jesús Vázquez, Manuel Pardo salientou que vivimos máis anos, e o verdadeiro reto xa non consiste unicamente en engadir anos á vida, senón en engadir vida aos anos. Nese camiño, o termalismo pode desempeñar un papel relevante como parte dun modelo de atención integral, preventivo e orientado ao benestar, contribuíndo á prevención da enfermidade e á mellora da calidade de vida.

Por iso, neste camiño, resaltou o representante do Goberno galego, o apoio da Xunta de Galicia ao sector termal resulta fundamental. Unha aposta que permite acompañar o seu desenvolvemento, impulsar a modernización e a innovación, favorecer o aproveitamento sostible dos recursos e reforzar o papel do termalismo como parte do patrimonio, da economía e do futuro de Galicia.

 

 

“Vivimos máis anos, e o verdadeiro reto xa non consiste unicamente en engadir anos á vida, senón en engadir vida aos anos”; destacou o delegado da Xunta. Nese senso, o termalismo pode desempeñar un papel relevante como parte dun modelo de atención integral, preventivo e orientado ao benestar, contribuíndo á prevención da enfermidade e á mellora da calidade de vida.

Ourense, capital do termalismo

O delegado da Xunta sinalou que o congreso enmárcase no ámbito do estudo e investigación do Campus Auga – Campus de Ourense da Universidade de Vigo, e o seu principal obxectivo é ofrecer un punto de encontro para reflexionar e intercambiar coñecementos sobre aspectos significativos relacionados cun mellor aproveitamento das propiedades terapéuticas das augas mineromedicinais.

Unha semana na que Ourense volverá falar de auga, mantivo Manuel Pardo; “e falará dela desde o coñecemento e desde a ciencia, desde a saúde e desde a economía, desde a tradición e desde a innovación. Co compromiso das institucións e coa forza dun sector que soubo evolucionar sen renunciar ás súas raíces. Porque a auga termal é tamén unha ponte entre o que fomos e o que queremos ser”. E apenas uns días despois -continuou o delegado da Xunta- esa mirada abrirase ao mundo coa celebración de Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, en Expourense. Representantes de diferentes países e mercados nacionais e internacionais reuniranse novamente en Galicia, despois do éxito acadado na súa anterior edición, celebrada en Colombia. “Así, durante uns días, Ourense e Galicia volverán situar a auga termal no centro da conversa internacional. Unha auga que nace da terra, atravesa o tempo e chega ata nós cargada de memoria. Unha auga que cura, que coida, que reúne”; concluiu.

 

 

Manuel Pardo lembrou tamén que este congreso será tamén un momento para mirar atrás e agradecer. Para recoñecer a aqueles que abriron camiños cando o termalismo moderno aínda estaba por construír. Por iso, dúas figuras imprescindibles do termalismo galego ocuparán un lugar destacado nestas xornadas: o doutor Luis Rodríguez Míguez e a doutora Marita Souto. Dous nomes, dúas traxectorias e unha mesma vocación: facer do termalismo unha realidade viva, moderna e con futuro. A súa achega forma parte xa da historia recente do termalismo galego, e este congreso quere renderlles a homenaxe que merecen.

Na súa intervención, o presidente da Deputación Luis Menor, destacou a relevancia dun encontro que alcanza a súa segunda edición cunha marcada vocación internacional, congregando a máis dun cento de participantes procedentes de sete países de Europa e Sudamérica e 67 traballos, e felicitou ao comité organizador e ao comité científico polo traballo realizado para traer á provincia “un evento de excelencia científica destas características”. Para o presidente provincial, estas cifras evidencian a capacidade de Ourense para “atraer coñecemento, talento e investigación altamente especializada” arredor dun recurso no que a provincia ocupa unha posición singular.

Menor puxo especialmente o foco na cooperación como elemento imprescindible para aproveitar todo o potencial das augas mineromedicinais ourensás. “O verdadeiro reto para un territorio é ser capaz de transformar un recurso natural extraordinario en coñecemento, oportunidades, actividade económica, emprego e capacidade de atracción”, sinalou.

 

 

Neste sentido, reivindicou a colaboración entre administracións, sector privado, profesionais e tecido empresarial e destacou particularmente o papel da Universidade. Menor definiu o Campus de Ourense como “un dos grandes motores de coñecemento e innovación da provincia” e como un aliado estratéxico para investigar os recursos propios, formar profesionais, incorporar innovación ao tecido produtivo e converter o coñecemento en desenvolvemento. O Congreso constitúe, segundo explicou, unha mostra deste modelo de colaboración ao reunir Universidade, investigación, empresas, profesionais e institucións arredor dun obxectivo compartido.

“Ourense convértese esta semana en capital internacional do termalismo”, destacou o presidente, reivindicando unha ambición que vai máis alá da riqueza natural en augas mineromedicinais: “Non queremos limitarnos a ter termalismo. Queremos ser referencia no termalismo”, dixo o presidente da Deputación, agradecendo tamén a sensibilidade da organización ao incorporar ao programa do Congreso dúas homenaxes a Luis Rodríguez Míguez e Marita Souto, dúas figuras fundamentais para comprender a evolución e a dimensión acadada polo termalismo ourensán.

A inauguración do Congreso contaba tamén coa presenza do delegado do Goberno en Ourense, Eladio  Santos, quen celebrou que a provincia de Ourense constitúe “un territorio privilexiado para o desenvolvemento de actividades que teñan que ver o termalismo e a balneoterapia, e, por extensión, coa saúde”. Tamé  destacou como o Goberno de España apoia esta vantaxe a través de accións como o Programa de Termalismo do Imserso, que o ano pasado mobilizou directamente un retorno de 5 millóns de euros aos balnearios de Galicia e que permitiu que 25.000 persoas beneficiadas na Comunidade “se convertesen en  divulgadoras das bondades do termalismo e de balneoterapia, especificamente de Galicia e de Ourense”.

Back to top button