O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, remarcou esta tarde no Parlamento de Galicia que a asistencia pediátrica no centro de saúde do Barco de Valdeorras está plenamente garantida. Durante a súa intervención no Pazo do Hórreo, o máximo responsable da Sanidade galega incidiu en que os dous cupos pediátricos cos que conta o centro de saúde do municipio non posúen demora algunha para unha cita. “A demora para conseguir cita é de cero días en ambos os dous cupos pediátricos do Barco de Valdeorras”, subliñou Caamaño.
Neste sentido explicou que todos os pacientes pediátricos están a ser atendidos coa maior celeridade posible e que, ademais, sempre se fai con profesionais especialistas en pediatría ou por médicos de familia capacitados para a atención pediátrica. “Galicia é das poucas comunidades onde a atención pediátrica é realizada en case o 90% dos casos por especialistas en pediatría”.
O conselleiro de Sanidade explicou, tamén, que o centro de saúde desta localidade ourensá conta cunha dotación de dous pediatras e, aínda que actualmente unha das prazas está vacante, o Servizo Galego de Saúde agarda adxudicar a segunda delas nunha nova volta do concurso de prazas de difícil cobertura impulsado pola Xunta. En todo, caso, abondou en que os pacientes de ambos os dous cupos están a ser atendidos por médicos especialistas en pediatría ou puericultores.
Así, e tras agradecer a dedicación e o esforzo dos profesionais sanitarios do centro de saúde do Barco de Valdeorras lamentou a visión “alarmista” e “apocalíptica” que algún dos partidos da cámara (en alusión á pregunta presentada polo partido socialista no Parlamento) quere trasladar sobre a asistencia pediátrica neste municipio. “A realidade está moi afastada do alarmismo que vostedes predican. Temos un sistema sanitario sólido, con máis recursos que nunca e con máis profesionais sanitarios traballando que nunca”, incidiu.
Na súa intervención Gómez Caamaño instou aos partidos da Cámara galega a colaborar para que o Ministerio de Sanidade escoite as continuas demandas que a Xunta lle está a trasladar ao Goberno central, co ánimo de paliar a falta de médicos de atención primaria que sofre o conxunto do Sistema Nacional de Saúde.
Así, e segundo apuntou o conselleiro, é preciso que o Ministerio de Sanidade mude o sistema de elección das prazas MIR, que elimine a nota de corte, que modifique o proceso de acreditación de centros de formación de especialistas e que axilice a homologación dos títulos estranxeiros. Ademais, tamén avogou por permitir que os médicos de máis de 70 anos, que así o desexen, poidan seguir traballando.
Pregunta oral
O conselleiro respondía na Cámara a unha pregunta do grupo parlamentario socialista. Así a parlamentaria Carmen Dacosta pedíalle que garanta o servizo de Pediatría no Barco de Valdeorras, logo da xubilación do único médico que queda atendendo aos pequenos, prevista para este outono.
Dacosta dicía que os nenos “do Barco e toda a comarca de Valdeorras están a ser atendidos dende comezos de 2024 neste Centro de Saúde por un único pediatra, que ademais vaise xubilar neste outono” e aseguraba que o “goberno galego non quixo ocupar a praza da médica de familia -con formación de puericultora- que substituía á segunda pediatra do Centro de Saúde, e que marchou para Sobradelo a comezos de ano”.
A parlamentaria tamén comentaba que “o Sergas está a prestar unha atención absolutamente insuficiente ás familias dentro da súa política coa que debilitan exercicio tras exercicio unha prestación indispensable para as familias galegas, deixándoas desprovistas dun coidado que non pode someterse a prácticas escapistas mentres tira balóns fóra”.