
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia que antes de que remate o verán o Servizo Galego de Saúde porá en funcionamento un equipo de hospitalización a domicilio en Verín. Este equipo desprazarase ás vivendas dos pacientes que se atopen no réxime de hospitalización, á vez que prestará coidados paliativos a domicilio.
O máximo responsable do Sergas tamén referiu que o servizo de Medicina Interna do hospital conta actualmente con nove profesionais, dotación máis que suficiente para o seu funcionamento, o que posibilitará a posta en marcha do equipo de hospitalización a domicilio.
Tamén avanzou que a Xunta licitará este ano, cun investimento de 1,5 millóns de euros, o proxecto de reforma das instalacións da parte antiga do edificio, xunto co traslado do hospital de día ás antigas urxencias e a reforma dos baños dos cuartos de hospitalización.