PolíticaÚltima hora

O conselleiro de Sanidade di que o HPV rexistrou no 1º semestre os mellores tempos de espera e que a Xunta segue a reforzar profesionais

Gómez Caamaño dicía esta mañá no Parlamento galego que "a carteira de servizos do hospital continúa a ampliarse para achegar a asistencia especializada á poboación, evitando desprazamentos a Ourense"

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, responde no Pleno dúas preguntas sobre a atención sanitaria en Valdeorras.

 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, remarcaba na mañá deste 21 de outubro que o Hospital Público de Valdeorras rexistrou “no primeiro semestre do ano os mellores tempos de espera, mentres a Xunta segue a reforzar o cadro de profesionais deste centro sanitario da rede do Servizo Galego de Saúde”.

En resposta a dúas preguntas dos grupos da Cámara sobre a atención sanitaria neste distrito, o titular de Sanidade explicou que, a pesar das folgas médicas contra o Estatuto Marco promovido polo Goberno central, “o Hospital Público de Valdeorras fixo nos seis primeiros meses deste ano 1.221 intervencións cirúrxicas e 9.581 primeiras consultas”.

Ademais, en consultas externas “produciuse unha mellora contundente entre xuño de 2025 e xuño de 2026, posto que o número de pacientes pendentes baixou de 3.113 a 1.669, o que supón unha redución de preto do 47 %. Así mesmo, a demora media pasou de 87,5 dias a 49,8, é dicir 37 días menos nun ano, e reducindo os pacientes que agardaban entre seis e doce meses de 506 a 39”. Polo tanto, engadía, “con 49,8 días de espera, o Hospital Público de Valdeorras é o de menor demora en consultas de toda Galicia, con 20 días por baixo da media da comunidade autónoma”.

En cirurxía, segundo o conselleiro, “a demora incrementouse en 3,5 días por mor da folga contra o Estatuto Marco do Goberno central. Aínda así, pese aos paros dos médicos, o Hospital Público de Valdeorras é o cuarto con menor demora cirúrxica en Galicia e non ten pacientes agardando máis de seis meses para seren operados. Así mesmo, o 80,7 % dos pacientes que agardan están no tramo inferior a tres meses”. Polo que atinxe ás probas diagnósticas, as esperas en radioloxía convencional son de 12,4 días, de 41,3 en resonancias e 29,3 en endoscopias, tal e como expuxo o conselleiro.

Atención urxente

Respecto da atención urxente, o conselleiro dixo que “se dispón de ambulancia de soporte vital básico no Barco de Valdeorras, á que se suman os recursos de Trives, Viana do Bolo, A Veiga, Quiroga, Castro Caldelas e A Gudiña, ademais dos dous helicópteros medicalizados dos que dispón Galicia, do hospital e dos Puntos de Atención Continuada”.

En concreto, indicaba “a rede de transporte sanitario urxente recibiu o pasado ano na zona de Valdeorras 10.575 chamadas. O 64 % delas resolvéronse sen mobilizar recursos. Estas chamadas xeraron 3.873 servizos con ambulancia, 324 traslados medicalizados por atención primaria e 15 intervencións do helicóptero. O conselleiro dixo que toda esa rede está en continua revisión, tendo en conta a demanda, os tempos de resposta, as distancias, a demografía e a actividade real”.

O conselleiro explicou, ademais, que co próximo contrato de transporte sanitario urxente aéreo, “os dous helicópteros aumentarán as horas anuais e incorporarán aeronaves de maiores prestacións, facendo que Galicia conte por primeira vez cun helicóptero operativo as 24 horas, con capacidade para voar de noite, o que beneficiará especialmente á zona de Valdeorras”.

No que se refire aos pacientes de silicose, Gómez Caamaño sinalou que “actualmente existe un rexistro de diagnosticados e incorporouse unha consulta de pneumoloxía no Barco de Valdeorras, estando a súa asistencia integrada na unidade de enfermidades pulmonares de pneumoloxía da área sanitaria. Deste xeito, ata o 31 de agosto, pneumoloxía atendeu en Valdeorras 583 pacientes e realizou 800 espirometrías, non tendo lista de espera”.

Xunto con isto, apuntaba o conselleiro de Sanidade, “a iniciativa posta en marcha pola Xunta coa convocatoria de procesos para prazas de difícil cobertura permitiu avanzar na estabilidade do cadro de persoal. Así, na actualidade, o 85 % dos médicos do hospital, 62 facultativos, teñen praza en propiedade e a porcentaxe de vacantes reduciuse do 30 % ao 15 %”.

Polo tanto, aseguraba Antonio Gómez Caamaño, “a carteira de servizos do Hospital Público de Valdeorras continúa a ampliarse para achegar a asistencia especializada á poboación, evitando desprazamentos a Ourense. Entre as incorporacións máis recentes está a consulta de pneumoloxía e a de cardioloxía. Tamén conta o hospital con prestacións pouco habituais nun centro comarcal, como neuroloxía, reumatoloxía, dixestivo ou hospital de día oncohematolóxico”.

O conselleiro rematou a súa intervención incidindo “na firme aposta da Xunta pola sanidade pública e polo Hospital Público de Valdeorras” e, por iso, afirmaba, “segue a traballar para reforzar a dotación e os servizos deste hospital público da rede do Sergas”.

Back to top button