SanidadeÚltima hora

O conselleiro de Sanidade garante aos alcaldes da Limia a continuidade das 2 prazas de Pediatría en Xinzo

García Comesaña asegurou que o Sergas non vai amortizar estas prazas e garantiu a súa continuidade cos procesos precisos para obter a súa cobertura

 

Esta mañá o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiña unha reunión con representantes municipais da comarca da Limia para abordar a situación das prazas de pediatría do centro de saúde de Xinzo que dan servizo a toda esta área.

Na reunión, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, e polo xerente da área sanitaria ourensá, Félix Rubial, o conselleiro garantiu a alcaldes e alcaldesas “a continuidade destas prazas, que non serán en ningún caso amortizadas”, e o traballo do Servizo Galego de Saúde para manter a súa cobertura.

Comesaña explicou aos alcaldes que as prazas non están actualmente vacantes senón cubertas por profesionais que nestes momentos se atopan en situación de incapacidade temporal. “Por este motivo e pola escaseza xeneralizada de pediatras dispoñibles para contratar, o Sergas está a recorrer á colaboración de profesionais doutros puntos da área para cubrir a atención á poboación infantil da Limia”, sinalaba.

 

 

Con todo, o responsable sanitario informou tamén aos representantes locais do traslado solicitado por un dos pediatras que actualmente ocupan estas prazas e garantiu que, en canto este se faga efectivo e a praza quede efectivamente vacante, será ofertada para ser ocupada de xeito estable por calquera pediatra que a solicite mediante os procesos precisos de convocatoria.

Mentres tanto, Comesaña garantiu o traballo da xerencia da área sanitaria para manter a cobertura da asistencia pediátrica e a obtención de cita en menos de dous días grazas aos reforzos temporais de persoal que se precisen.

Artigos relacionados

Back to top button