O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe o salto de calidade asistencial acadado coa posta en servizo da nova unidade de ictus do Hospital Universitario de Ourense, que xa atendeu 20 pacientes, a maioría deles por ictus isquémicos.
O titular da carteira sanitaria da Xunta, na compaña do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, visitou esta nova unidade da rede sanitaria pública galega que comezou a funcionar o 1 de novembro.
O conselleiro detallou que o Goberno galego leva tempo traballando na posta en marcha da unidade, posto que requiriu duns traballos previos complexos.
Así mesmo, Gómez Caamaño puxo en valor que con esta unidade a Xunta materializa o seu compromiso cos habitantes de Ourense e, ademais, garante a equidade no acceso ao sistema sanitario, con independencia do lugar de residencia.
Deste xeito, o Hospital Universitario de Ourense é un dos cinco que conta cunha unidade destas características en Galicia.
Dotación
Para proceder á apertura da unidade, a Xunta dotou este espazo con seis camas de hospitalización monitorizadas que están a cargo de dous neurólogos, catro profesionais de enfermería e dous técnicos en coidados auxiliares. Engadido a isto cóntase cun neurólogo de garda localizada para urxencias neurolóxicas.
O conselleiro incidiu en que a unidade atende a toda a área sanitaria e os seus servizos diagnósticos están sempre dispoñibles, xa que estes centros contan con gardas presenciais de neuroloxía as 24 horas, os 365 días do ano.
O feito de contar coa presenza de especialistas no propio centro hospitalario durante todo o día permite unha valoración clínica máis completa -engadiu Gómez Caamaño-.
Felicitación ao persoal
Na súa visita de hoxe, o conselleiro felicitou á coordinadora da unidade, á supervisora de enfermería e ao xefe de servizo de Neuroloxía, así como a todo o persoal implicado no seu funcionamento, incluíndo ao equipo responsable da primeira vía clínica do ictus en Ourense e aos colaboradores do Código Ictus nesta área sanitaria.
Grazas ao traballo destes profesionais, o Hospital Universitario de Ourense deu un gran salto asistencial para converterse nun centro que ofrece a mellor asistencia sanitaria e coa máxima seguridade, referiu o conselleiro.
Segundo dixo Gómez Caamaño, a idade da poboación é un factor determinante no risco de padecer ictus, o que significa que é necesario dotar Ourense dos mellores recursos para facer fronte a estes episodios.
Neste senso, o máximo responsable de Sanidade avanzou que a Xunta está a traballar no obxectivo de formar profesionais para realizar trombectomías no Hospital de Ourense no vindeiro ano, evitando que os pacientes con esa necesidade teñan que ir a Vigo.
O titular da carteira sanitaria aproveitou a visita para felicitar ao equipo de enfermería da área cirúrxica deste hospital, autor dun proxecto preparación ao paciente para as intervencións que se situou entre as mellores propostas nos Premios Enfermería en Desenvolvemento 2025.