O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacaba esta mañá o salto na calidade asistencial acadado co novo edificio de urxencias e o punto de atención continuada de Verín, onde xa se realizaron máis de 8.500 atencións nos seus oito primeiros meses de funcionamento, desde novembro ata xuño.
O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, acompañado do director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, e do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, visitou esta mañá o novo edificio de urxencias deste centro da rede sanitaria pública e mantivo unha reunión de traballo cos xefes de servizo para escoitar aos profesionais e avanzar nos retos pendentes.
Da nova infraestrutura, que supuxo un investimento da Xunta de 4,5 millóns de euros, o conselleiro destacou que conta con zonas diferenciadas para pacientes pediátricos, xerais e con patoloxías infecciosas, ademais de salas de observación e boxes adecuados, sala de docencia e habitacións de descanso para o persoal, o que redunda nunha atención máis humana e profesionalizada.
O conselleiro incidiu en que os hospitais comarcais son “pezas fundamentais para garantir unha sanidade pública próxima, equitativa e de calidade”. Neste sentido remarcou o compromiso da Xunta “por fortalecelos con novos equipamentos, máis servizos e novas medidas que favorezan a incorporación de máis profesionais”.
En concreto, no Hospital Público de Verín e grazas á lei impulsada pola Xunta para postos de difícil cobertura, o Executivo galego incorporou a este centro 13 novos especialistas que son médicos de áreas como cirurxía ortopédica e traumatoloxía, medicina interna, pediatría, análises clínicas, oftalmoloxía, endocrinoloxía, reumatoloxía ou cirurxía xeral.
Gómez Caamaño sinalou que agarda poder resolver as seis prazas máis pendentes de cubrir e puxo en valor que a medida de acceder á praza fixa mediante concurso de méritos está a ser unha ferramenta útil para atraer talento médico ao rural.
Referiuse, ademais, ao investimento da Xunta neste hospital en equipamento, cun orzamento de preto dun millón de euros no último ano para a compra dun novo TAC, ecógrafos, estacións e iluminación para quirófano, novo equipo de anestesia, ademais da renovación do mobiliario hospitalario.
Gómez Caamaño avanzou, ademais, que se prevé dotar o hospital dunha nova helisuperficie anexa ao novo edificio de Urxencias como actuación prioritaria no plan da Xunta para acondicionar estes espazos.
Xunto ao anterior, remarcou que a Xunta vai mercar novos ecógrafos para os hospitais comarcais.
Parabéns aos profesionais e á nova dirección
O conselleiro aproveitou a súa visita para agradecer a disposición do xefe de servizo de urxencias, Cesáreo Álvarez, pola súa contribución ao maior aproveitamento da nova infraestrutura.
Gómez Caamaño subliñou que esta visita é unha oportunidade para coñecer de primeira man as impresións da nova dirección do distrito sanitario, encabezada por Pablo Martín, cuxa visión e as achegas dos profesionais considera claves para seguir a avanzar na mellora da atención á veciñanza.
Nas súas verbas, o conselleiro felicitou á nova dirección e ao conxunto dos profesionais do hospital posto que, no primeiro semestre do ano, conseguiron incrementar a actividade con respecto do mesmo período de 2024, xa que se realizaron 218 intervencións máis.
Gómez Caamaño amosou a súa intención de seguir fortalecendo a colaboración directa cos profesionais, posto que eles coñecen mellor que ninguén as necesidades reais do hospital, e, pola súa parte, a Xunta ten a responsabilidade de acompañalos, dotalos de medios e construír xuntos un modelo asistencial máis sostible e próximo.