ConcellosÚltima hora

O Consorcio de Augas de Valdeorras terá un orzamento de 1,8 millóns de euros no 2027

Era un dos acordos tomados na xuntanza que celebraba esta mañá, presidida polo presidente da Deputación, na Casa Grande de Viloira (O Barco)

 

Intensa xornada de traballo do presidente da Deputación de Ourense en Valdeorras neste 15 de abril. A sede da entidade na comarca, situada na Casa Grande de Viloira (O Barco), acollía ás dez da mañá unha reunión do Consorcio de Augas de Valdeorras, na que se tomaban importantes acordos, todos por unanimidade, entre eles a aprobación inicial dun orzamento de 1.850.000 euros para o vindeiro exercicio, o que supón un incremento de 48.000 euros.

 

 

“E aumento responde fundamentalmente á actualización dos custos de persoal, á dotación de novos recursos humanos e ás asistencias técnicas necesarias para garantir a prestación dos servizos”, segundo explica ao termo do encontro o presidente da Deputación. Indicaba ademais que se trata dun orzamento equilibrado, xa que as taxas foron revisadas a comezos de ano. O Consorcio presta actualmente tres servizos fundamentais: o abastecemento de auga potable e o servizo de alcantarillado no municipio do Barco de Valdeorras, así como a depuración de augas residuais nos nove concellos da comarca.

 

 

Na reunión tamén se abordaron cuestións organizativas internas, como a aprobación inicial do regulamento do servizo de abastecemento. “Aprobamos por unanimidade e por consenso total melloras para a veciñanza a través da prestación deste servizo”, recalcaba Menor.

Así mesmo, o presidente provincial lembraba que Valdeorras é “punteira con este consorcio que presta un servizo a todos os concellos e, por outra banda, dando unha xestión homoxénea á comarca e, ademais, no PERTE da auga foi a primeira comarca que contou cos contadores dixitais en toda a provincia, así que penso que é importante a aposta”.

No decurso desta visita Luis Menor tamén mantiña encontros con alcaldes de Valdeorras, así como con diferentes entidades, como é o caso da Asociación Veciñal Aluveire de Quereño e da Asociación de Mulleres Rurais San Martiño de Viloira. “Deste xeito damos cumprimento ao compromiso adquirido de vir periodicamente á comarca e de reunirnos cos seus diferentes colectivos, ademais dos alcaldes”, concluía o presidente.

Fotos: A.R.

 

Back to top button