EconomíaEconomíaÚltima hora

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra retoma os servizos de lanzadeira neste verán

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra retoma os servizos de lanzadeira para este verán, cunha nova ruta que conectará Chantada, o embarcadoiro de Belesar e a Praia da Cova. Deste xeito actívanse un ano máis os servizos de lanzadeira gratuítos para a tempada alta, como ferramenta de fomento da mobilidade sostible e co fin de reducir a presión turística nas zonas máis visitadas do territorio.

Este verán incorpórase unha nova liña que conectará Chantada co embarcadoiro de Belesar e a Praia da Cova, sumándose ás tres lanzadeiras que xa funcionan dende 2023. Con esta incorporación, a rede de lanzadeiras contará con catro rutas activas entre a segunda quincena de xullo e finais do mes de agosto:

– Escairón (O Saviñao) – Arxeriz – Praia da Cova (en funcionamento dende 2022)
– Monforte de Lemos – Doade (Sober) – Embarcadoiro de Ponte do Sil
– Castro Caldelas – Abeleda pobo (A Teixeira) – Embarcadoiro de Castro Caldelas
– Chantada – Embarcadoiro de Belesar (Chantada) – Praia da Cova (O Saviñao) (nova liña)

“Ao igual que en anos anteriores, as frecuencias das lanzadeiras que conectan cos embarcadoiros están concibidas para dar cobertura ás compañías operadoras de rutas fluviais nos ríos Sil e Miño, que ofertan ata 1.095 prazas diarias, en lugares con escasa capacidade de estacionamento e con problemas recorrentes de conxestión na tempada alta”, explica o consorcio.

A Praia da Cova, outro dos espazos fluviais máis concorridos do verán en Ribeira Sacra, contará novamente co traslado dende a capitalidade do Saviñao (Escairón), e verá reforzado o seu acceso coa nova lanzadeira dende Chantada.

Os servizos estarán en funcionamento entre o 19 de xullo e o 31 de agosto, mantendo a súa gratuidade. As reservas de praza atópanse xa habilitadas dende na web do Consorcio de Turismo:

Galego: https://turismo.ribeirasacra.org/gl/lanzadeiras-veran-2025
Castelán: https://turismo.ribeirasacra.org/es/lanzaderas-verano-2025

Ata o de agora, e desde a primeira das probas piloto en 2021, estes servizos financiábanse con cargo ao Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra. Unha vez finalizado ese plan o pasado mes de xuño, o Consorcio de Turismo levou a cabo distintas xestións coa Xunta de Galicia e será un convenio coa Axencia de Turismo de Galicia o que nos permita darlle continuidade este verán nas semanas de maior afluencia.

 

 

Pola súa banda, o Concello de Parada de Sil mantén en funcionamento dende o 1 de xullo, e ata o 14 de setembro, o servizo de lanzadeira obrigatorio ao mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil. O custe nese caso é de 3€, incluíndo a entrada ao monumento.

Ocupación na Ribeira Sacra

Ribeira Sacra remata xuño cun 50% de ocupación, cifra lixeiramente inferior á dos últimos anos. Malia iso, e, contra ao que poida semellar, “estamos ante o mellor xuño en canto a ocupación se refire dende que temos rexistros polo incremento no número de aloxamentos. Isto tradúcese en 5.000 prazas diarias ocupadas”, din dende o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

Fotos cedidas.

Back to top button