En portadaÚltima hora

O consumo de alcol é a causa que provoca maior retirada de puntos de condución na provincia de Ourense

Preséntase a campaña especial de vixilancia da DGT e da Garda Civil de Tráfico sobre o consumo de alcol e drogas ao volante, que se estenderá ata o vindeiro domingo

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, advertía hoxe ás persoas condutoras da provincia que o alcol e as drogas son incompatibles coa condución e suxeriu que, diante das festas patronais, “tomemos a decisión de non beber ou empregar como alternativa o transporte público”. Eladio Santos facía esta advertencia e recomendación tras supervisar un dos primeiros controis de alcol e drogas que se realizan na provincia no marco da Campaña Especial de Vixilancia que desenvolve a DGT e a Garda Civil de Tráfico ata o vindeiro domingo.

O subdelegado desprazouse esta mañá ata a estrada OU-101 (Ourense-Maceda) á entrada do concello de Paderne de Allariz xunto co xefe provincial de Tráfico de Ourense, David Llorente, acompañado pola xefa de sección de Seguridade Viaria, Estrella Garrido, e o capitán xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil en Ourense, Javier Barja.

Eladio Santos sinalou que en Ourense “hai datos preocupantes” que xustifican este tipo de campañas, que non teñen como obxectivo outro que previr accidentes “para salvar vidas”. Así, sinalou que en catro de cada 10 accidentes mortais rexistrados nas estradas de Ourense no que vai de ano detectouse a presenza do alcol como unha das causas dos mesmos.

Aínda que recoñeceu que “cada vez hai máis concienciación social sobre este problema”, o subdelegado lamentou que o consumo de alcol sexa a causa que provoca maior retirada de puntos de condución da provincia. Este feito diferencia a Ourense doutras provincias do ámbito nacional, onde o exceso de velocidade é o motivo principal. Neste punto, no que vai de 2026, retiráronse 4.498 puntos dos permisos de conducir na provincia de Ourense por conducir baixo os efectos do alcohol ou outras drogas, o 47 % do total de 9.607 puntos retirados en Ourense.

Campaña Especial

Esta campaña especial, que se estende desde hoxe ata o domingo 19, desenvolvese ao tempo en todas as provincias españolas. A iniciativa forma parte da Operación Verán de Tráfico, e terá unha especial incidencia en zonas de ocio e de desprazamentos vacacionais así como zonas urbanas. No caso da provincia de Ourense, sumáronse á mesma os Concellos de Ourense, O Barco de Valdeorras e Xinzo de Limia, que desenvolverán os seus controis con efectivos da Policía Local.

Back to top button