Máis de mil escolares de 17 centros educativos de Ourense participaban na edición número 24 do Correlingua, que se desenvolveu esta mañá na Praza Maior e no Auditorio Municipal de Ourense. Esta é unha actividade que ten como finalidade concienciar ao alumnado e profesorado dos colexios galegos na defensa da nosa lingua. Está organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, a AS-PG e a CIG – Ensino, coa colaboración do Concello e a Deputación. O lema deste ano é Dende aquí até acolá, GALEGO XA!
No Auditorio Municipal, as actividades comezaron coa lectura, por parte de alumnado de Secundaria, dun manifesto resultado dos obradoiros Desata a lingua impartidos en 2023 polas escritoras María Lado, Ana Carreira e Lucía Aldao. O acto estivo presentado pola actriz Isabel Risco e incluíu cancións do alumnado e a actuación do grupo A Mekánika Rollin Band, premiado nesta edición do Cantalingua.
Simultaneamente, na Praza Maior houbo xogos populares contando coa colaboración do alumnado dos ciclos de Animación Sociocultural e Dependencia do CIFP Portovello e dos monitores da Asociación Xuvenil Amencer, así como un concurso de pancartas arredor do lema escollido. A media mañá, o alumnado das distintas etapas intercambiou a súa localización mediante un paseo reivindicativo polas rúas do centro histórico.
Fotos: Concello de Ourense.