EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O CRDO Ribeiro e a Consellería do Medio Rural acordan frear a perda de viñedo reforzando a recuperación de terra agraria

 

O C.R.D.O. Ribeiro, representado polo seu vicepresidente, Carlos Basalo e o seu xerente-secretario, Luis Vázquez, vén de manter unha reunión de traballo esta mañá coa conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, acompañada do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, para reforzar  a cooperación entre ambas entidades.

Durante o encontro, que se desenvolveu nun “clima de colaboración e pleno entendemento”, segundo a D.O. Ribeiro, o foco principal centrouse na posta en marcha efectiva da Lei 11/2021 de recuperación da terra agraria de Galicia, especialmente nos mecanismos de mobilización de terras aplicables ao Ribeiro, co obxectivo de frear a perda de superficie de viñedo e recuperar parcelas hoxe inactivas.

O Consello Regulador trasladou á Consellería a urxencia de activar instrumentos previstos na lei como:

– Proxectos de recuperación de terra agraria (PRT) adaptados á realidade vitícola do Ribeiro.

– Áreas de reestruturación produtiva específicas para viñedo.

– Polígonos agroforestais orientados ao uso vitícola en zonas de forte abandono.

– Agrupacións de xestión conxunta para facer viable a explotación de parcelas pequenas e dispersas.

– Investigación de titularidades e mobilización de fincas en abandono, un dos principais problemas estruturais da denominación.

O Consello Regulador valorou positivamente a disposición da Consellería para iniciar traballos técnicos inmediatos.

Ademais da aplicación da lei, a reunión tamén permitiu abordar outras liñas de cooperación como a posta en valor do viñedo, o impulso á sustentabilidade, o apoio á recuperación de terras vitícolas e a promoción dos viños da denominación, así como unha análise conxunta dos datos de vendima, que este ano superaron os 8 millóns de quilos, cunha predominancia do 95% de variedades de uva branca.

Por outra banda, o Consello Regulador agradeceu a receptividade da Consellería e destacou que “a correcta implantación da Lei de recuperación da terra agraria no Ribeiro é unha oportunidade histórica para garantir a continuidade vitícola da comarca, recuperar superficie perdida e aumentar a dispoñibilidade de uva para adegas e colleiteiros”.

 

Back to top button