SanidadeÚltima hora

O crecente uso de vapeadores entre a mocidade centra o Día Galego sen Tabaco

Segundo datos da Xunta de Galicia, máis do 40 % dos menores de 14 anos probaron algunha vez un vapeador hábito igualmente nocivo e as veces porta de entrada ao tabaquismo

 

Coincidindo coa celebración do Día Galego sen Tabaco, o Centro de Saúde da Ponte en Ourense instalábase hoxe unha mesa informativa dirixida a pacientes e profesionais co obxectivo de concienciar sobre os riscos do consumo de tabaco e dos novos dispositivos de vapeo, así como para promover hábitos de vida saudables.

Durante a mañá, profesionais sanitarios do centro ofreceron información sobre os recursos dispoñibles para deixar de fumar e repartiron material divulgativo do Plan Inspira Saúde da Xunta de Galicia, que promove accións de prevención e sensibilización fronte ás condutas aditivas. As persoas que se achegaron á mesa puideron recibir consellos personalizados e coñecer os servizos de apoio do programa galego de deshabituación tabáquica.

O Día Galego sen Tabaco comezou a celebrarse en 2023, no marco do Plan Inspira Saúde, e este ano ten como lema “Novos consumos, mesma elección: Elixe Saúde”, que pon o foco no incremento do uso de vapeadores e outros dispositivos electrónicos entre a mocidade, e incluso adolescentes. Segundo datos da Xunta de Galicia, máis do 40 % dos menores de 14 anos probaron algunha vez un vapeador, uso que supera xa o consumo de tabaco convencional nese grupo de idade.

 

 

Beneficios nada máis deixar o hábito

Durante a actividade no Centro de Saúde da Ponte, Isabel Pereira, enfermeira do centro, explicou a importancia de deixar o hábito tabáquico e os beneficios, que se poden notar dende o primeiro momento “nos primeiros vinte minutos pódese notar xa unha mellora da tensión arterial e da frecuencia cardíaca”. A profesional chama a non tomarse unha recaída no hábito como un fracaso, e a voltar a intentarlo tendo en conta os beneficios para a saúde “tras un ano sen fumar, o risco de un infarto redúcese á metade e, en dez anos, o risco de padecer cancro de pulmón é o mesmo que podería ter unha persoa que nunca houbese fumado” anima.

Isabel Pereira pon o foco no positivo lembrando aos pacientes que poden contar con apoio dos profesionais na decisión de deixar de fumar “Estamos aquí para axudar: poden acudir á consulta de enfermaría ou medicina, do seu Centro de Saúde, onde podemos dar recomendacións, valorar tratamento farmacolóxico —que ademais está financiado— e acompañar o proceso.”

“O máis importante é non empezar a fumar nunca e tamén lembrar que os vapers e cigarros electrónicos, tan populares entre os adolescentes, non son inofensivos. Teñen cores e sabores atractivos, pero son igualmente prexudiciais. Por iso, baixo o lema deste ano temos que explicar os riscos destes novos consumos e promover decisións saudables dende a infancia” defende a profesional.

 

 

Back to top button