SanidadeÚltima hora

O cribado de cancro colorrectal detectou 396 casos en Ourense, case o 70% en fases iniciais

Pese ao seu maior risco os datos do cribado evidencian unha menor participación no programa dos homes (51%) fronte ás mulleres 59,22% tamén en 2024

 

O Programa Galego de Detección Precoz do Cancro Colorrectal permitiu diagnosticar 396 casos na provincia de Ourense desde a súa implantación, en 2015, ata decembro de 2024, deles o 69,44 % se detectaron en estadios iniciais, mellorando as posibilidades de tratamento e supervivencia, tal como explican dende o Sergas.

De acordo co último informe do programa de cribado, 203 dos casos diagnosticáronse en estadio I e 72 en estadio II, 100 en estadio III e 21 en estadio IV. Case 4 puntos porcentuais máis que a media de Galicia (65,81 %) de casos en estadío inicial, abríndo unha ventá de oportunidade para o tratamento.

Máis de 86.600 persoas convidadas a participar en Ourense

En Ourense convidouse a participar a 86.672 persoas entre 50 e 69 anos (42.097 homes e 44.575 mulleres), que constitúen o grupo diana do cribado, das que 42.828 aceptaron a invitación e realizaron a proba, o que sitúa a participación en cifras próximas ao 50%. (Homes: 45,24 % Mulleres: 53,39 % ). Subíndo en 2024 ata o 55,3%. No conxunto de Galicia, desde o inicio do programa enviáronse 2.578.835 invitacións válidas e participaron 1.269.416 persoas, o que representa unha participación global do 49,20 %, cun incremento progresivo ata o 56,51 % no ano 2024.

Os datos do programa evidencian unha menor participación dos homes fronte ás mulleres (45,44 % en Galicia), unha tendencia que tamén se reproduce en Ourense. Esta menor implicación resulta especialmente relevante se se ten en conta que os homes presentan unha maior taxa de positividade nas probas e unha maior incidencia de lesións e cancros detectados, polo que son tamén os que máis se benefician da participación no cribado.

 

O doutor Joaquín Cubiella, dixestólogo xefe da sección de investigación na Área Sanitaria Ourense e director do Grupo de Investigación en Oncoloxía Dixestiva (GIODO) é un dos promotores da implantación do cribado en Galicia.

 

A quen vai dirixido o cribado e por que é clave

O cribado está dirixido a homes e mulleres de entre 50 e 69 anos, xa que é a partir destas idades cando aumenta de forma significativa o risco de desenvolver cancro colorrectal.

O programa baséase nunha proba sinxela —a detección de sangue oculto nas feces— que permite identificar lesións precursoras ou tumores en fases iniciais, antes de que aparezan síntomas. A evolución lenta deste cancro, que pode desenvolverse ao longo de anos a partir de pólipos, fai posible actuar a tempo e mesmo previr a súa aparición mediante a súa extirpación durante a colonoscopia.

Un programa eficaz para reducir incidencia e mortalidade

Desde o seu inicio, o programa galego permitiu detectar 2.933 cancros colorrectais e máis de 26.000 lesións que requiren seguimento, contribuíndo tanto ao diagnóstico precoz como á prevención.

O cancro colorrectal é o tumor máis frecuente no conxunto da poboación e un dos que presenta maior impacto en termos de mortalidade. En Galicia, causou máis de 1.000 falecementos no ano 2023, sendo o segundo tumor en mortalidade en ambos os sexos.

 

 

Síntomas e prevención: a importancia de participar

A enfermidade pode non dar síntomas nas fases iniciais, pero pode manifestarse con sangue nas feces, cambios persistentes no ritmo intestinal, dor abdominal, cansazo ou perda de peso.

Ademais de manter hábitos saudables, a participación no cribado é a medida máis eficaz para reducir a mortalidade, xa que permite detectar a enfermidade antes de que dea síntomas ou incluso evitala. Estímase que estes programas poden reducir a mortalidade entre un 30 % e un 35 %.

Chamamento á participación

Desde 2022, a Consellería de Sanidade remite un kit de autotoma de mostras, directamente aos domicilios de toda a poboación á que se dirixe o cribado.

O test de sangue oculta en feces é unha proba moi sinxela de realizar, non invasiva que só precisa da recollida dunha mostra na casa e a súa entrega posterior no centro de saúde.

Se o resultado é negativo, desde a Consellería enviarase de novo o kit de autotoma aos dous anos, sen necesidade de ter que solicitalo.

Mesa informativa da AECC no Barco de valdeorras

Para informar sobre o cancro de colon e como recoller a mostras para participar no cribado, a AECC Valdeorras saía á rúa na mañá deste martes 31 de marzo cunha mesa na praza do Concello.

 

Back to top button