ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

O de Rubiá será o concello da provincia no que máis durará a Eclipse de Sol do 12 de agosto

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidía no Barco a reunión de coordinación con representantes dos concellos da provincia nos que se verá de forma total

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, animou hoxe á cidadanía a desfrutar da Eclipse total de sol do 12 de agosto, xa que é “un fenómeno excepcional”, pero pediu facelo con “prudencia e planificación” desde o punto de vista da seguridade viaria. Facíao tras presidir a reunión de coordinación, celebrada na Casa do Concello do Barco de Valdeorras, con representantes dos concellos da provincia nos que se verá de forma total a Eclipse.

No encontro participaron a Garda Civil e membros dalgúns dos gobernos locais dos concellos implicados: A Pobra de Trives, A Rúa, A Teixeira, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Castro Caldelas, Larouco, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, San Xoán de Río, Viana do Bolo e Vilamartín de Valdeorras. O obxectivo foi comezar a elaboración dun mapa de puntos de interese de observación, así como coordinar as cuestións relativas ao dispositivo de seguridade.

 

 

Eladio Santos explicou aos representantes municipais que a Eclipse total é un fenómeno singular e extraordinario que non se ve na Península Ibérica dende hai máis de 120 anos. “Será unha ocasión magnífica para observar un fenómeno astronómico de estas características sen saír das nosas vilas”, remarcou.

Debido á excepcionalidade do fenómeno, o subdelegado trasladou que moitos cidadáns e cidadás se desprazarán para buscar os mellores lugares desde os que observalo. “Por iso, queremos pedirlle aos veciños, veciñas e visitantes que planifiquen os seus desprazamentos con antelación, que eviten paradas improvisadas en beiravías ou estradas secundarias e respecten sempre as normas de circulación”, solicitou. Nesta liña, Santos fixo un chamamento a evitar aglomeracións innecesarias. “Estes municipios contan con innumerables espazos abertos, miradoiros e zonas seguras desde os que desfrutar do fenómeno e que serán clasificadas como puntos de observación”, apuntou.

 

 

A Eclipse na provincia

Na provincia de Ourense, o fenómeno comezará ás 19:33 horas e finalizará ás 21:23 horas, sendo as 20:30 horas o momento de maior escuridade. Segundo os datos da subdelegación o concello no que máis tempo durará a escuridade total é o de Rubiá (68 segundos), seguido, por orde, dos seguintes: Carballeda de Valdeorras (67), O Barco (63), Vilamartín (59), A Rúa (54), Petín (51), O Bolo (45), Larouco (44), A Veiga (42), San Xoán de Río (38), A Pobra de Trives (37), Manzaneda (31), Castro Caldelas (23), A Teixeira (17) e Viana do Bolo (9).

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button