O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse, acompañado do alcalde de Viana do Bolo, Andrés Montesinos; e da concelleira Carmen Conde; así como polo director territorial do Medio Rural, á explotación gandeira Arco da Vella que rexentan as irmáns Marta e Susana Hervella, beneficiarias cada unha con 45.000 euros da axuda dirixida ao establecemento de agricultores mozos, no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, continuando así as liñas de apoio ás explotacións agrarias iniciadas no Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.
O delegado territorial subliñou que na provincia de Ourense accederon a estas axudas 52 mozos, sumando un total de máis de 2M€; que teñen como obxectivo garantir a continuidade do tecido agrario, así como incrementar a competitividade das explotacións mediante a súa modernización. Trátase dunha das ordes de axudas máis destacadas da Consellería, tanto polo seu importe como polo número de beneficiarios.
Durante a súa estadía na explotación, Manuel Pardo destacou a nova orde de axudas da Consellería do Medio Rural destinadas a plans de mellora nas explotacións agrarias, á creación de empresas por parte de persoas mozas e ao desenvolvemento de pequenas explotacións que contan cun orzamento global de 36 millóns de euros, e o prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 28 de xullo.
“Buscamos facilitar que o noso sector primario siga a manter vida e a actividade xa que iso contribúe a xerar riqueza nunha loita, ademais, contra os incendios forestais e para manter vivo o noso rural. En concreto pretende contribuír á continuidadenas explotacións e manter o noso rural con vida”, destacaba o delegado da Xunta en Ourense.

Con ela búscase , continúa Pardo, búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural.
O reparto do orzamento total de 36 millóns de euros farase do seguinte xeito: 30,5 millóns irán destinados ao establecemento de agricultores mozos e ao financiamento de investimentos destinados á modernización e mellora das explotacións agrarias. Con isto preténdese seguir fomentando a incorporación da mocidade ao medio rural galego, como é o caso destas irmáns de Viana do Bolo, que resultaron beneficiarias na convocatoria anterior desta liña.

A segunda liña de axudas está destinada a financiar os plans de mellora dos mozos beneficiarios da convocatoria de incorporación do ano 2024, cunha dotación de 5,5 millóns de euros.
Para o establecemento de agricultores mozos, os posibles beneficiarios serán aqueles cunha idade entre 18 e 40 anos, ambos incluídos, e que non cumpra os 41 no ano natural da convocatoria. O solicitante tamén deberá presentar un plan empresarial, permanecer na actividade agraria durante un prazo de 5 anos desde o pagamento final da axuda e participar no programa de titorización que presta a Consellería do Medio Rural a persoas agricultoras mozas. O importe da axuda será de 30.000 euros, que poderá incrementarse ata os 70.000 euros segundo os criterios recollidos na correspondente orde.
No caso dos investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións agrarias, o requisito para obter esta axuda é ser unha persoa moza que solicita simultaneamente a axuda ao establecemento de persoas agricultoras mozas.

Arco da Vella
Unha das explotacións que resultaba beneficiaria destas axudas nunha convocatoria anterior era a das irmás Hervella, que comentaban a súa experiencia, que “vén de tomar ese relevo xeracional que nos parece tan importante, primeiro porque afianzarse no rural nunca é un labor doado, porque as oportunidades, por moito que queiramos idealizalo, non son as mesmas, entón tes que abrir diferentes camiños, como fixemos no noso caso, despois de tantos anos de sacrificio dos nosos pais para poder darlle o empurrón e asentarnos aquí e continuar aquí a nosa vida”, di Susana Hervella, que antes vivía en Santiago.
“Tiñamos alí unha vida cómoda e volvemos buscando unha vida mellor, non porque nos fose mal alí e regresaramos. E no caso de Marta ela está estudando e compaxina os estudos universitarios con este relevo e grazas a esta liña de axudas pois podes plantearte seguir. Hoxe en día é moi difícil se tes que empezar de cero con investimento para maquinaria, gando, material… así que pola nosa parte con moitas ganas e ilusión con este relevo”, continuaba Susana e, ademais, animaba a xente moza a aproveitar oportunidades como estas contando con axudas. “Nós temos esa experiencia de atrás, do que leva vivindo a nosa familia. Entón se a xente ten claro que lle gusta e quere estar no rural, pois esta é unha boa oportunidade”.
Fotos: Carlos G. Hervella.