En portadaÚltima horaVídeos

O departamento de Automoción do IES Lauro Olmo do Barco estrea neste curso o proxecto “Aula híbrido-virtual”

O subdelegado, Eladio Santos, visitaba esta mañá a Aulas de Tecnoloxía Aplicada coa que conta o instituto na rama de FP

 

Na mañá deste venres 16 de xaneiro, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitaba a nova Aula de Tecnoloxía Aplicada (ATECA) do IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, onde, acompañado polo alcalde do municipio, Aurentino Alonso; o director territorial de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Jorge Rubén Sampedro; e a directora do centro, Amparo Quiroga, reafirmou “o compromiso do Goberno de España coa innovación na formación profesional”.

 

 

As aulas ATECA son espazos destinados ao alumnado de Formación Profesional, que constitúen lugares de aprendizaxe altamente especializados e equipados. Nelas foméntase a colaboración e o uso de novidosas tecnoloxías como a realidade mixta (MR) e a realidade virtual (VR). Adoitan recrear escenarios laborais tecnolóxicos do mundo real, co obxectivo de que os estudantes coñezan á perfección as demandas do mundo laboral presente e futuro.

O subdelegado explicou que son un elemento fundamental do Plan de Modernización da Formación Profesional en España, impulsado polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. “Os alumnos e alumnas saen ao mercado laboral con moitas máis posibilidades de atopar emprego e cun coñecemento sólido do mundo dixital no que se moven as empresas”, destacou.

 

 

Neste sentido, Eladio Santos remarcou que desde o ano 2020 o Goberno de España puxo en macha unha profunda reforma do seu sistema de Formación Profesional en torno a tres eixos: a actualización da oferta formativa, o impulso ao sistema de acreditación de competencias e o reforzo do sistema de orientación para mellorar o acompañamento profesional.

O proxecto que estrea neste curso o IES Lauro Olmo chámase “Aula híbrido-virtual” e está relacionada coa ensinanza de transporte e mantemento de vehículos. Para poder habilitala, o centro contou cunha subvención de 55.000 euros do Ministerio de Educación, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado con fondos Next Generation.

 

 

Con este financiamento, o proxecto do instituto centrouse na modernización dunha aula que tiña 40 anos, mediante a ampliación da entrada de coches, a montaxe dun elevador novo, a instalación dunha toma de carga de vehículos e a adquisición dun vehículo e unha estación de carga de aire acondicionado adaptado aos coches actuais. Ademais, incorporouse material de última xeración: gafas de realidade virtual, unha smart TV, unha máquina de diagnose en formato tablet e un osciloscopio para a verificación de sinais.

Nesta aula tiña lugar a visita á que acudían os alumnos do departamento de Automoción. Alí, a directora do centro, Amparo Quiroga,  aseguraba que esta aula “mellora moito a formación do noso alumnado a través dos medios dixitais, contando tamén cun novo vehículo de carga eléctrica”. O director territorial de Educación pola súa banda, felicitou ao centro por ter presentado o proxecto vencellado coa automoción, un sector “que está mudando moi rápido”. Con esta nova aula consegue un obxectivo moi claro, dixo Sampedro “ter mellores ferramentas para formar mellores alumnos e ter mellores profesionais no futuro”.

 

 

O alcalde do Barco, Aurentino Alonso, lembrou o seu paso polo centro onde foi profesor ata a súa xubilación o ano pasado e director hai 35 anos. “Ver como evolucionou o centro e ata onde se chegou é para min unha satisfacción moi grande”, dixo, poñendo o foco no feito de que “se pecha o ciclo formativo destes alumnos que hai aquí hoxe e fóra do instituto están esperando por eles porque hai moitos talleres que necesitan xente formada, coas novas tecnoloxías porque a mecánica de agora non ten nada que ver coa de hai anos”.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

 

Back to top button