
Diferentes deportistas valdeorreses expresaban nesta fin de semana o seu apoio á VIII Andaina e Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas de Vilamartín de Valdeorras vestindo a camiseta morada desta cita, prevista para o 23 de novembro baixo o lema “O noso reto, a esperanza”, en diversas competicións.
Así, o venres, eran os alevíns da canteira do CD Rúa os que se vestían de morado. O sábado, o Pizarras Tres Cuñados sumábase á iniciativa lucindo de morado na súa aparición no pavillón de Calabagueiros. Un xesto que mostra a importancia de apoiar a investigación desta enfermidade.

E xa o domingo, por partida tripla, o deporte valdeorrés tinguíase de morado: os Andarines de Arcos participaron coa camiseta solidaria na 48ªedición da San Martiño. Aquí no Barco, desde a Costa da Morte, Charo acudiu de morado para completar o circuíto da Andaina de Outono. E ,pola tarde, era o Club Deportivo Rúa o que pousaba no campo de fútbol Vicente Solarat coa camiseta conmemorativa da 8ª edición da Carreira das Cidades de Vilamartín.

“Todo estes xestos teñen un mesmo obxectivo: difundir a importancia de conseguir fondos para a investigación do cancro de páncreas para a mellora do seu diagnóstico e do seu tratamento”, din as organizadoras, “este ano o reto é levar esperanza aos pacientes de cancro de páncreas e os seus familiares”.

O 23 de novembro, en Vilamartín de Valdeorras, xunto con outras 5 cidades, “corremos e andamos por esta causa.Para colaborar nesta causa só tes que inscribirte no evento solidario”, lembran dende a organización:
-Online en https://carreracancerpancreas.es/carrera-vilamartin/ou en Carreiras Galegas (https://www.carreirasgalegas.com/events/viii-carreira-e-andaina-das-cidades-contra-o-cancro-de-pancreas/omrYwQl2).

-Presencial: nos diferentes puntos de inscrición habilitados en distintos concellos da comarca: Na Rúa: Cool Balea, en Vilamartín: Fimar; No Barco: Garoba, Pizpireta, Trisport e Ton y Son; e en Rubiá: Librería Teresita e Trastos.