Máis de trescentos alumnos de sete centros escolares da comarca de Valdeorras (IES Cosme López e Colexio Pablo VI da Rúa; CEIP Condesa de Fenosa, IES Martaguisela e Colexio Divina Pastora do Barco; CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín; e CEIP de Casaio), de entre 10 e 13 anos, participaban no certame de deseño ‘Valdeorras Sostible’ realizado por AEVA co apoio do Inorde para “promover a economía circular e o comercio de proximidade”.
Así o indicaba a presidenta da Asociación de Empresarios de Valdeorras, Araceli Fernández, na entrega de premios ás gañadoras (un diploma e un vale de 150 euros para realizar compras en alomenos 4 establecementos asociados) que tiña lugar na tarde deste venres 4 de outubro.
O primeiro premio (deseño gañador) foi para Leire Gómez Calvo do CEIP de Casaio que apostou por un debuxo representando ao comercio cunha man sosténdoo; o segundo premio foi para María Tato Alonso do CEIP Condesa de Fenosa do Barco polo deseño ‘Valdeorras Mola’; e o terceiro para Lara Prada Vidal, do Colexio Divina Pastora do Barco cun logo coa mensaxe ‘Valdeorras Sostible’.

“O que fai especial esta campaña é que contou coa implicación de moitos centros da comarca aos que pedimos que convidaran ao seu alumnado a deseñar un logotipo e un slogan con esa idea de economía sostible (previa realización dun obradoiro de comunicación para presentar a iniciativa e reforzar os vínculos entre os sectores empresarial e educativo), tendo que agradecer a excelente resposta dos equipos docentes”, dixo a presidenta de AEVA, explicando que o deseño gañador, o de Leire será a imaxe dunha campaña para a que imprimirán bolsas de tea que repartirán polos comercios asociados.

Ademais de felicitar ás gañadoras polos seus fermosos deseños, Araceli destacou que esta iniciativa supón, “por unha parte fomentar a participación da comunidade na promoción e apoio ao comercio local; a promoción dunha identidade unificada entre os negocios asociados a AEVA; e a estimulación dun consumo responsable, no que a marca ‘Valdeorras Sostible’ sexa non só un nome se non o propósito que inspire toda a nosa actividade e o futuro da comarca”.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.