SanidadeÚltima hora

“O deterioro cognitivo”, temática do vindeiro “Faladoiro” en Quiroga

 

Dende a Concellería de Servizos Sociais do Concello de Quiroga dáselle continuidade a actividades como é o obradoiro de memoria para persoas maiores de 50 anos (con periodicidade semanal e durante nove meses ao ano no Centro Social); a un programa de estimulación cognitiva para persoas con alzhéimer e outras demencias (tres días á semana no Centro de Día); e realizando unhas xornadas formativas para profesionais do coidado de maiores dende o 2024. “As actividades anteriores facémolas da man de profesionais da entidade Afamon (Asociación de Familiares de Enfermos de Alhéimer de Monforte)”, indican dende esta concellería.

Como complemento ao anterior, o Faladoiro desta semana no Centro Social terá como protagonista o ‘Deterioro cognitivo’, un tema de gran interese social que será tratado xeito divulgativo e aberto á intervención das persoas asistentes ao evento. A convidada a este acto, moderado por Xosé Manuel Fernández, concelleiro de Asuntos Sociais, é María Lillo Montes. Será o 29 de outubro ás 18:00 h. na Biblioteca do Centro Social de Quiroga.

María Lillo é monfortina de nacemento e afincada na Pobra do Brollón. Estudou Psicoloxía en Santiago de Compostela e comezou a traballar con persoas maiores. Continuou a súa formación en Terapia Familiar e de Parella no País Vasco, Xeriatría e Xerontoloxía na Universidade da Coruña e finalmente Neuropsicoloxía en Cataluña.

É coñecida no Xeoparque Montañas do Courel pola súa impartición de obradoiros de memoria a través de Afamon, entidade na que traballa dende 2004.

Fotos cedidas.

 

Back to top button