A 14 edición da Primavera de Portas Abertas visita na súa segunda fin de semana a Ruta do Viño de Valdeorras, con preto dunha vintena de actividades a través das que achegar a cultura vitivinícola da zona ás persoas interesadas en vivir esta experiencia. Visitas gratuítas ás adegas, catas, percorridos e rutas polos recursos patrimoniais e naturais da zona, como o castelo do Bolo ou o Parque Natural da Serra Enciña da Lastra (Rubiá), marcan o calendario nas tres xornadas durante as que se desenvolverá a iniciativa.
Así, a apertura desta nova edición destas xornadas na Ruta do Viño de Valdeorras contaba coa presenza do director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, nun acto inaugural celebrado no Hotel Monumento Pazo do Castro (O Barco).
Merelles lembrou “a relevancia deste tipo de iniciativas na desestacionalización da oferta turística, de cara a captar visitantes en épocas distintas ás de maior afluencia. As rutas do viño o que fan é poñer en valor os recursos máis importantes das cinco denominacións de orixe que existen en Galicia, o territorio”. Especialmente, sinalou, a través de produtos deseñados especificamente para ampliar o abano de experiencias, como é o caso da Primavera de Portas Abertas, entre outras.
Merelles felicita ao CRDO Valdeorras e á Ruta do Viño de Valdeorras por “esa aposta e por ese traballo que fará posible que mañá e pasado fará que se despracen 8 autobuses repletos de persoas interesadas en coñecer a riqueza dos viños, do patrimonio e tamén das xentes de Valdeorras, porque se de algo ten fama a xente valdeorresa e de ser persoas acolledoras e de lograr que os que nos visitan se sintan como en casa”. Tamén louvaba o labor dos empresarios e autónomos que están a facer, a través de diferentes iniciativas, que Valdeorras se converta nun dos destinos “máis interesantes do interior de Galicia”.
Este acto inaugural abríao o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Marcos Prada Ginzo, quen destacaba que “un ano máis temos a honra de participar na Primavera de Portas Abertas de Valdeorras, promovida pola Axencia de Turismo de Galicia. É unha acción de divulgación do noso enoturismo máis auténtico co fin de dar a coñecer a oferta turística de Galicia, o potencial dos seus viños, as súas singulares paisaxes e territorios. Ao longo dunha fin de semana cada Ruta do Viño sacamos o mellor de nós para amosar aos nosos visitantes o noso modo de cultivar, recoller e tratar as uvas que se transformarán dos nosos viños todo iso farémolo a través de actividades que amosarán as nosas paisaxes, o noso patrimonio e natureza, as nosas xentes e tradicións que moven esta cultura vitivinícola de Valdeorras. Dende a nosa Ruta do Viño temos todo preparado para recibir visitantes dende diferentes zonas de Galicia e de España, comezando polos centos de ersoas que encheron os 8 autobuses que virán dende A Coruña, Vigo, Santiago, Pontevedra e Ponferrada, todos eles están interesados en coñecer os nosos viños e o noso territorio”.
Prada Ginzo tamén detallaba as diferentes iniciativas enoturísticas programadas e que suporán un primeiro contacto coa cultura vitinícola valdeorresa, visitas guiadas a espazos do patrimonio vitivinícola e do pasado mineiro de Valdeorras, xantares tradicionais, rutas guiadas e percorridos polas adegas e covas, que “hoxe son un dos maiores atractivos turísticos da comarca. En definitiva, trátase dunha extraordinaria oferta turística e gastronómica ligada ao territorio cun selo de identidade como é Valdeorras, co obxectivo de complementar e potenciar os viños ricos en aromas e matices e sumamente elegantes”.
O presidente da Ruta do Viño de Valdeorras explicaba tamén que nesta edición serán 16 as propostas de lecer nas que o visitante poderá participar, “todas elas encamiñadas a situar Valdeorras como destino enogastronómico de calidade, un obxectivo que compartimos con establecementos que quixeron colaborar nesta acción: adegas, restaurantes, viñotecas… que deseñaron unha oferta hostaleira e enogastronómica especial para esta ocasión”.
No acto tamén interviña a deputada provincial delegada especial para Valdeorras, María Carmen González, quen “daba a benvida á comarca a todas as persoas que nos acompañarán durante esta fin de semana para percorrer e descubrir as marabillas que ofrece Valdeorras grazas á 14 Primavera de Portas Abertas”. E referíase ás “centos de razóns que hai para acudir a Valdeorras como os seus espectaculares viños, entre os que destaca o seu prestixioso godello, as súas paisaxes bañadas polo Sil, o seu legado patrimonial coa Via Nova e o Camiño de Inverno”. Finalmente, apuntaba que Valdeorras posúe unha riqueza turística aínda por explotar plenamente: o turismo industrial da lousa.
Finalmente, interviña o alcalde do Barco, Alfredo García, quen afirmaba que en “Valdeorras temos de todo para ser un reclamo turístico, temos patrimonio en abundancia, paisaxe como os cumes de Trevinca ou o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, e temos o río Sil, que vertebra esta paisaxe, pero iso alguén ten que movelo. E hoxe está demostrado que quen move o turismo por determinadas zonas é o viño e a gastronomía e nós tamén temos festas gastronómicas e, sobre todo, viño”.
O acto completábase cunha degustación de tintos e brancos de Valdeorras, acompañados da música do Patio de Leni.
Programa
Nesta segunda fin de semana da Primavera de Portas Abertas colaboran 12 adegas, 8 aloxamentos e tres empresas de restauración, que están implicadas nas 18 actividades previstas. Entre as distintas accións figuran, un ano máis, os Buses do viño, con orixe en Ponferrada, Ourense, A Coruña, Santiago, Vigo e Pontevedra, que durante o sábado e o domingo ofrecerán un total de oito traxectos por adegas e recursos turísticos de interese.
Valdeorras é a segunda das Rutas do Viño que visita a Primavera de Portas Abertas, tras dunha exitosa primeira fin de semana en Monterrei. As próximas denominacións de orixe en acoller a cita serán a de Rías Baixas, do 16 ao 18 de maio; a Ribeira Sacra, entre o 23 e o 25; e O Ribeiro, que pechará esta nova edición o 30 e 31 de maio e 1 de xuño. 92 establecementos participan este ano na iniciativa, dos que 62 son adegas, 21 de tipo aloxamento e nove empresas de restauración. En total, nas 13 edicións previas, 1.323 establecementos participaron ata 2024.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.