OurenseÚltima hora

O director de Turismo de Galicia clausura o Plan de Sostibilidade Turística en Destino Ribeiro-O Carballiño

s proxectos, que contaron cun investimento de 1,5 millóns de euros, executáronse en colaboración coa asociación Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) O Carballiño-Ribeiro, que integra a 21 municipios de ambas comarcas

 

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na clausura oficial das accións incluídas no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Ribeiro-O Carballiño, celebrada no Centro de Interpretación da Cultura Castrexa de San Cibrao de Lás. Os proxectos, que contaron cun investimento de 1,5 millóns de euros, executáronse en colaboración coa asociación Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) O Carballiño-Ribeiro, que integra a 21 municipios de ambas comarcas.

Esta iniciativa enmárcase dentro do Plan Enogastronómico de Galicia, dotado cun orzamento global de 34,5M€ e financiado con fondos europeos Next Generation, no marco do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Durante o acto, o director de Turismo de Galicia sinalou que este plan é “unha actuación clave para poñer en valor a nosa enogastronomía como un elemento diferenciador e identitario da oferta turística galega, que actúa de motor socioeconómico do territorio”. O obxectivo principal consistiu en reforzar a imaxe de Galicia como destino turístico de referencia nacional no aproveitamento sostible dos recursos patrimoniais e gastronómicos.

O PSTD puxo o foco en produtos identitarios do xeodestino como o viño do Ribeiro, o pan de Cea, o polbo do Carballiño ou o pemento da Arnoia, para impulsar así a conservación da paisaxe e á dinamización económica do rural. Entre as actuacións desenvoltas, destacou o proxecto ‘Sabedoras do Saber e do Sabor. Cociñas e Cociñeiras Memorables do Ribeiro-Carballiño’, presentado en FITUR 2026 para homenaxear ás cociñeiras do rural e reivindicar a riqueza da gastronomía tradicional galega. Neste sentido, Xosé Merelles explicou que, con estas iniciativas, búscase “que o patrimonio culinario volva ter un lugar central na experiencia turística do destino e que poida xerarse unha oferta auténtica, diferenciada e ligada ao noso territorio”, ao tempo que xera fluxos de visitantes en territorios rurais.

O plan articulouse en catro eixos fundamentais de investimento. O primeiro destinado á transición verde e sostible e o segundo á eficiencia enerxética e ordenación de sendeiros. Mentres, o terceiro e cuarto eixos xiraron arredor da transición dixital e a competitividade turística, incluíndo plans de promoción e a recuperación de arquitectura histórica de adegas e fornos.

A gastronomía é unha das principais liñas de traballo da Estratexia de Turismo 2030. No ano 2025, o turismo gastronómico xerou 160.000 visitantes que fixeron cerca de 764.000 noites en Galicia, o que reflicte a importancia deste tipo de visitantes para o territorio. O mesmo director de Turismo de Galicia incidiu en que “a estratexia pasa por seguir diversificando os fluxos de peregrinos, impulsar itinerarios con gran riqueza patrimonial e paisaxística, ademais de xerar novas oportunidades para os municipios polos que discorre o Camiño”.

Cine no Camiño de Santiago

Este mesmo venres, o director de Turismo de Galicia presentou en Ourense a programación da iniciativa ‘Cine nos Camiños’, enmarcada dentro do Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027. Trátase dun circuíto de cine ao aire libre, de xuño a outubro, con presencia tanto nas grandes cidades galegas como na contorna rural e as vilas polas que discorre o Camiño de Santiago. Xosé Merelles destacou a posta en valor deste programa como “ferramenta estratéxica de dinamización patrimonial e turística que busca enriquecer a experiencia de peregrinos e locais a través de proxeccións audiovisuais nas distintas rutas xacobeas que atravesan a comunidade autónoma”.

‘Cine nos Camiños’ complementa así a oferta turística de 100 concellos da comunidade en tempada media e no verán coa proxección de 100 películas este 2026, 20 destes concellos na provincia de Ourense. Como lembrou o director, estas actividades complementarias “serven para diversificar os fluxos de visitantes cara a diferentes territorios e contribuír á desestacionalización do turismo en Galicia”.

O proxecto vincula así a riqueza patrimonial e as paisaxes galegas co cine, ao mesmo tempo que reforza a imaxe internacional do Camiño de Santiago e consolida un modelo turístico sostible baseado na identidade e nos valores propios do territorio.

Back to top button