O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, participaba no segundo aniversario do albergue de peregrinos da Rúa, situado na avenida de Vilela. Neste domingo visitaba esta instalación xacobea, acompañado pola tenente de alcalde da Rúa, Ana Vizcaya, e polas persoas que se encargan do albergue.

“Este é un albergue marabilloso e o Concello da Rúa e Turismo de Galicia estannos axudando nas melloras que necesita, imos pedindo e dentro do que pedimos, concédennos, estamos moi agradecidos”, comentaba unha das hospitaleiras voluntarias que xestiona este albergue, que dispón de 13 prazas en dous dormitorios compartidos.
Á súa beira, Ana Vizcaya, agradecía tamén o apoio de Turismo de Galicia no proxecto de posta en marcha deste albergue do Camiño de Inverno. “Dende o Concello estamos á vosa disposición, esta andadura empezámola dende o Concello con axudas e a primeira foi de Turismo de Galicia que nos empuxou, con apoios en literas e mobiliario”.

Finalmente, o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, referíase ao potencial do Camiño de Inverno, cuxo recoñecemento oficial cumpre xa unha década. “Dende a Xunta de Galicia, a Axencia de Turismo de Galicia, que ten as competencias do mantemento do Camiño e tamén da súa promoción, no concello da Rúa cabe salientar esta actuación de mellora da estrutura do albergue, que consistiu en que sexa máis acolledor en canto a calefacción e tamén en canto á confortabilidade”.
Así mesmo Merelles aludía á recente posta en marcha da oficina de acollida na capela de Santo André, que haberá que dotar nunha segunda fase.

E adiantaba que Turismo de Galicia, a través do Ministerio de Cultura, “está propoñendo a acollida xacobea como ben mundial inmaterial e aí estamos traballando todos. Lograr esa categoría de ben inmaterial para a acollida penso que vai ser algo moi importante. Ao fin e ao cabo todos facemos acollida, todos facemos máis grande o Camiño.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.



