EconomíaEconomíaÚltima hora

O director de Turismo de Galicia visita o Hostal La Viuda de Trives

Este establecemento resultaba beneficiario da convocatoria de axudas para a mellora de infraestruturas de establecementos turísticos correspondente a 2025, mediante a que recibiu unha achega de case 34.000 euros para acometer a renovación integral da fachada do edificio

 

O director de Turismo de Galicia visitaba no mediodía deste 7 de agosto o Hostal La Viuda da Pobra de Trives, beneficiario da convocatoria de axudas para a mellora de infraestruturas de establecementos turísticos correspondente a 2025, mediante a que recibiu unha achega de case 34.000 euros para acometer a renovación integral da fachada do edificio. Esta liña de actuacións permite apoiar, na provincia de Ourense, dez establecementos de aloxamento e restauración cun investimento total de case 200.000 euros.

Neste sentido, o director de Turismo de Galicia subliñou o carácter estratéxico deste programa de axudas para seguir impulsando a competitividade do turismo galego. “Os bos datos turísticos de Ourense confirman que a provincia está a consolidar unha tendencia de crecemento sostido”, apuntou destacando que no que vai de ano o número de visitantes medrou o 6,9%, mentres que as noites fixérono o 13%. Por procedencia, o turismo internacional incrementouse o 18,4%. “O noso reto é que ese incremento da demanda vaia acompañado de establecementos máis modernos, sostibles e competitivos, capaces de ofrecer un servizo de máxima calidade e de fidelizar aos visitantes”, afirmou.

Xosé Merelles lembrou que desde o ano 2022 Turismo de Galicia leva investidos 18 millóns de euros neste programa de axudas destinado á mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e restauración. A convocatoria de 2026, publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado mes de marzo, conta cun orzamento de 4,5 millóns de euros, dos que 3,5 millóns se destinaron a proxectos de aloxamento e 1 millón a proxectos de restauración, igualando a contía da convocatoria de 2025, na que se concederon 144 axudas a establecementos de aloxamento e 68 a negocios de restauración.

As actuacións subvencionables inclúen proxectos de renovación, modernización e embelecemento da contorna, melloras en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas, actuacións para incrementar a eficiencia enerxética, reformas nos sistemas de climatización e ventilación, así como iniciativas de dixitalización da xestión e da comercialización dos establecementos.

 

 

Renovación da fachada

O proxecto executado no Hostal La Viuda tivo como principal obxectivo diferenciar visual e funcionalmente as dúas actividades que acolle o edificio: o restaurante, situado na planta baixa, e o hostal, localizado nas plantas superiores. A intervención completouse coa instalación dun novo sistema de iluminación para realzar a fachada.

Ademais, reorganizáronse os accesos ao edificio. O acceso principal situouse na fachada sur, aproveitando o revestimento de granito existente para reforzar a súa identificación e concentrar toda a información e sinalización da actividade turística. Pola súa banda, o acceso oeste integrouse visualmente tamén na fachada.

 

 

 

Apoio á mellora da oferta turística

En liñas xerais, o obxectivo destas axudas é incentivar a mellora das instalacións e infraestruturas dos establecementos de aloxamento e restauración para consolidar unha oferta turística de maior calidade, máis sostible e competitiva.

A través destas subvencións, os establecementos poden acceder a unha financiación de ata o 60 % do investimento subvencionable, cun importe máximo de 60.000 euros por proxecto, favorecendo actuacións que contribúan á modernización do sector e á mellora da experiencia turística en Galicia.

 

Back to top button