
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, salientaba esta tarde en Parada de Sil o valor estratéxico que ten o patrimonio mineiro de Galicia e avogou por aproveitalo como vantaxe competitiva para impulsar o liderado do sector.
Fernández Vila interviña, xunto a outras autoridades como o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, na inauguración do XIII Congreso internacional sobre minería e metalurxia históricas no suroeste europeo, organizado pola Sociedade española para a defensa do patrimonio xeolóxico e mineiro, onde apuntou que a minería en Galicia -líder nacional na produción de pedra natural- céntrase actualmente na extracción de granito, lousa, magnesita e feldespato, ademais dos recursos mineiromedicinais e termais que existen na comunidade.

“Isto”, engadiu, “ten un impacto económico en termos de riqueza e emprego, dixo; por iso, a Xunta está a facer unha aposta decidida por esta industria a través da Axenda da Impulso á Minería de Galicia 2030. Unha folla de ruta”, explicou, que ten “como principal obxectivo acadar a integración ambiental da minería, promover a economía circular no sector e poñer en valor o patrimonio mineiro de Galicia”.
O director xeral avogou pola importancia de poñer en valor as bondades da minería e por facer un labor divulgativa para dar a coñecer á sociedade o valor patrimonial que ten todo o recurso mineiro que alberga a comunidade.