ConcellosEn portadaSanidadeÚltima horaVídeos

O Distrito de Valdeorras contará cun protocolo de atención especializada para a silicose

Representantes da área sanitaria ourensá, entre eles o seu xerente, mantiñan unha reunión coa directiva de Asilival en Viloira (O Barco)

 

“Somos conscientes do problema que supón a silicose na provincia de Ourense e, en concreto ,na zona de Valdeorras e, á iniciativa de Asilival (Asociación de Silicose de Valdeorras), cremos que é o momento de establecer un protocolo de atención específica e especializada para a silicose e para outras enfermidades pulmonares intersticiais moito menos frecuentes nesta zona”. Así o anunciaba o director asistencial da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, Eloy Sánchez, despois da reunión que se celebraba esta tarde coa directiva de Asilival, con presenza do xerente da área sanitaria ourensá, Santiago Camba, e do director do Distrito de Valdeorras, Alberto Pedrera, así como da deputada provincial delegada especial para Valdeorras, María Carmen González.

 

 

Esta primeira xuntanza, que se celebraba na Casa Grande de Viloira (O Barco), era valorada de maneira satisfactoria por ambas partes. “Nun principio chegouse a ese acordo para tratar a silicose. Iso vaise poñer por escrito para que os neumólogos se fagan cargo da nosa enfermidade”, comentaba o presidente de Asilival, José Rodríguez, que acudía acompañado polo resto da directiva. Ademais agradecía á deputada provincial e alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, “as facilidades para manter esta reunión”. Ademais confiaba en que esta sexa a primeira de moitas reunións para ir valorando o acordado.

 

 

Así mesmo, o director asistencial da área sanitaria matizaba se tratará dun “protocolo de asistencia progresiva en función da enfermidade, da evolución da mesma, implicando ao Servizo de Neumoloxía da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco e coa idea de establecer circuítos con neumólogos específicos para o seguimiento e o control dos pacientes, intentando aminorar en todo o posible os desprazamentos e atencións fóra de Valdeorras. Pero, ás veces, como tamén comentamos, as técnicas e os aparatos están fóra de aquí e temos que, nalgún caso, facelo en Ourense. Con todo, penso que ao final conseguiremos, dunha maneira adecuada, poder dar continuidade a asistencia destes pacientes, en concreto, e de todos os pacientes con enfermidades crónicas”.

 

 

Pola súa banda, o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, Santiago Camba, agradecía o labor de Asilival e tamén manifestaba o seu agradecemento á alcaldesa de Carballeda, pola “sensibilidade que ten neste tipo de cuestións. Ademais a silicose é unha enfermidade que afecta, sobre todo, á xente de Carballeda. Dentro de Galicia, onde está o foco é en Carballeda, e nós, o que imos aportar, tal e como indicaba o doutor Sánchez, é intentar sobre todo inicialmente, identificar todos os casos, establecer un protocolo e realizar o seguimento adecuado que, unhas veces será no Barco, e, outras veces, será en Ourense. E, dentro do Barco, polo servizo de Atención Primaria ou de Medicina Interna, dependendo da gravidade do caso e, mesmo haberá casos, nos que Ourense se nos quede pequeno e se fai falta algún outro tipo de recursos, escalar cara outro hospital como poida ser o da Coruña”.

 

 

Camba incidía tamén en que é importante “poñer ao servizo todas as novas tecnoloxías que hai para axudar na medida do posible e facilitar, na medida do posible, que, cando alguén teña que desprazarse a Ourense, que poida ser atendido no seu conxunto e non ter que facer tres ou catro viaxes cando, nunha mañá, pode quedar solucionado o problema”.

 

 

O xerente da área sanitaria ourensá apuntaba, finalmente, que este “é un primeiro contacto, pero creo que é importante. Levamos as ideas máis claras que cando chegamos e o Servizo de Neumoloxía xa está traballando nisto”. E concluía resaltando a relevancia de “identificar, e despois coordinar e favorecer na medida do posible, que haxa uns bos resultados en saúde que é o que nos ten que preocupar como Sergas”.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Vídeos: O SIL.

 

 

 

 

Back to top button