
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, o decreto da Consellería de Sanidade polo que se aproba a oferta de emprego público para a provisión de postos de difícil cobertura da categoría de médico de urxencias hospitalarias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para 2026.
Nesta convocatoria extraordinaria ofértanse a totalidade das prazas vacantes que existen nesta unidade, reservando 2 prazas para a quenda de discapacidade xeral.
“O obxectivo principal deste procedemento é garantir a calidade e a continuidade asistencial nun servizo sanitario considerado como prioritario, ademais dar unha resposta efectiva ás necesidades de persoal do centro que, malia contar cun cadro de persoal de 50 profesionais, na actualidade unicamente ten ocupadas 25 destas prazas”, tal e como indica a Consellería de Sanidade.
A medida realízase ao abeiro da reforma da Lei de medidas extraordinarias dirixidas á provisión de postos de difícil cobertura, impulsada polo Executivo autonómico e aprobada no Pleno do Parlamento galego o pasado 7 de xullo, que dá esta consideración ás prazas de medicina de urxencias do hospital de Ourense.
Ademais, co obxectivo de captar o maior número de profesionais posibles, incentívase co triplo de puntuación a experiencia laboral acumulada polos servizos prestados nas urxencias do hospital ourensán.
“Na actualidade, as necesidades de persoal do servizo de urxencias deste hospital estanse a resolver grazas ao esforzo e ao compromiso dos profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e doutras áreas sanitarias, que están a cubrir as vacantes. Para iso, a Xunta puxo en marcha un programa especial de urxencias para que facultativos doutras áreas presten apoio e cubran o servizo de urxencias do hospital ourensán”, indica Sanidade.
O obxectivo é que o proceso poida estar resolto e as prazas de médico de urxencias cubertas no primeiro semestre do vindeiro ano.