SanidadeÚltima hora

O doutor Porto despídese de 45 anos en Urxencias do Hospital do Barco, arroupado polo seus compañeiros

 

Cun longo aplauso, cargado de sentimento e de agarimo era recibido polos seus compañeiros o doutor Jose A. Porto á súa chegada no Hospital Público de Valdeorras, acompañado pola súa esposa Lola Doporto, neste 29 de xaneiro. Era unha data e un momento sumamente especial xa que, despois de 45 anos de traxectoria como médico de Urxencias neste centro, despedíase da profesión. E isto coincidía ademais co día do seu 70 aniversario.

 

 

Os seus compañeiros facíanlle un longo pasillo entre a entrada principal do hospital e a cafetería para aplaudilo e acompañalo no momento no que pasa nunha nova etapa vital, mentres el agradecía o xesto visiblemente emocionado e entre saúdos e abrazos.

“Cheguei en abril de 1981, son 45 anos neste hospital. Vinvos chegar a todos e tamén marchar a moita xente. Sempre quixen quedarme no Barco, e con disgusto do meu pai, pero non me equivoquei. Hoxe volvería facer o mesmo sen pensalo, quero pertencer a isto e ao Barco, e quero ser médico de Urxencias do hospital do Barco”, dicía xa o doutor Porto na cafetería, rodeado polos seus compañeiros, entre os que había profesionais xa xubilados e antigos directivos do hospital. Ademais dedicaba unhas palabras especiais a aqueles médicos falecidos cos que compartiu experiencias e profesión no hospital, que tamén, dicía, “están hoxe aquí”.

 

 

 

Pola súa banda, os seus compañeiros lembraban a súa traxectoria e agradecían a súa “implicación e responsabilidade no servizo de Urxencias durante tantos anos”.

Despois, o doutor Porto convidábaos a unha petiscada na cafetería do hospital, na que non faltaban as sorpresas nin os agasallos, entre numerosas mostras de emoción e agarimo.

Fotos e vídeo cedidos.

 

 

 

 

Back to top button