
Tras Loitar cantando (2020), o primeiro proxecto do dúo Acordeireta, formado polo acordeonista con orixes en Vilamartín de Valdeorras, Alejandro Balbuena e a pandereteira Patricia González, chega Baixo os remendos, nós, un segundo disco para segundas vidas.
Patricia e Alejandro parten do remendo co obxectivo de “concibir un álbum distinto e innovador, onde se sitúan, literalmente, debaixo das eivas e dos problemas diarios para coselos co canto e a música”. Son eles, os remendos, os alicerces e cos seus fíos presentan este novo traballo composto ao longo de varios anos, sen présa, ao son do corpo.

Como xa acontecera no primeiro disco, a poesía e a música encóntranse para confluír nas voces e mans de Patri e Alex. Así, este disco convértese “nunha revolta”, na que convive o social e a música tradicional, mesturada con temas de creación propia xunguida ás raíces e textos de poetas, moitas delas homenaxeadas no Día das Letras Galegas, como Rosalía de Castro, Manuel María, Florencio Delgado Gurriarán ou Xela Arias. Ademais, neste traballo Acordeireta rende homenaxe aos poetas labregos Paco Ledo e Alberto Calvín, aos gaiteiros Desiderio e Modesto de Murias, ao acordeonista Pazos de Merexo, á escritora Raquel Castro e a Luz Fandiño, autora que xa estivera presente no seu primeiro álbum e que agora volve, outra vez, estar con Patricia González e Alejandro Balbuena baixo os remendos.
A revolta faise visible nos directos de Acordeireta. Nos concertos mesturan varios instrumentos, como acordeón cromático, acordeón diatónico, diferentes tipos de pandeiretas, pandeiros, culleres, pratos con dedais e bombo, alén das voces e incluso contan cunha antiga máquina de coser para homenaxear tamén o importante labor das costureiras. A variedade de instrumentación, xunto aos diversos ritmos e tonalidades, crea un ambiente ameno, fresco, contundente, emocionante, que convida a bailar e que goza dun estilo e son propios.