Os retos e a experiencia de emprender nun municipio de montaña. Era a temática abordada na mesa que neste 21 de xuño pechaba as xornadas “Creando un futuro sostible para os nosos montes”, que dende onte se celebraban no Centro de Día de Manzaneda, no marco da “Capital da Montaña de España 2024”, que ostenta este concello xunto a outros tres do Macizo Central Ourensán (Trives, Chandrexa de Queixa e San Xoán de Río).
Nela coñecíanse as vivencias e os casos de emprendemento no rural de media de persoas: Irene García, emprendedora de Aínsa (Huesca); Lito Prado, un dos socios de Amarelante Sociedad Cooperativa; Juan Hervella, de Embutidos Las Tres HHH; e Enrique González, enxeñeiro agrícola do Concello de Manzaneda. A mesa estaba moderada por Silvia Álvarez, técnico do GDR Sil-Bibei-Navea.
Ademais interviña no remate Fernando Álvarez de A Mata, quen comentaba a súa actividade de elaboración de queixo, ademais de como produtor de carne de vacún e de viño e tamén o seu proxecto de replantación de masas frondosas nunha finca con pegada na historia que rexurdía logo dun incendio na época na que a levaba o seu pai.
Antes desa mesa, tiña lugar outra sobre xestión e administración local, coa partipación de José Luis Pérez, presidente de Cosital; de Juan Marquina, secretario xeral da Deputación de Ourense; de María José de la Fuente, vicepresidenta da Deputación de Palencia; e de Joan Pluma, coorinador xeral de Micropobles de Cataluña. Estaba moderada por Cecilia Pérez, alcaldesa de El Franco.
Tras estas dúas mesas, procedíase ao acto de clausura das xornadas no que interviñan a xerente do Inorde, Emma González, quen agradecía a participación de ponentes e asistentes a este encontro, e, de xeito especial, aos locais “por conservar esta autenticidade do rural e que se pode descubrir visitándonos. O estilo de vida e as persoas somos o capital máis importante que debemos compartir e que debemos reter”.
Tamén tomaba a palabra a secretaria da Asociación Española de Municipios de Montaña, María Vergés, quen expoñía, a modo de conclusión deste encontro, “a necesidade de traballar en rede e dunha forma transversal, aínda que sexamos territorios moi alonxados, iso é fundamental para ir sobrevivindo e ir adaptántonos aos cambios e aos retos que temos por diante. Este é o obxectivo da Capitalidade de Montaña de España, que neste 2024, por primeira vez, se lle concedía a un territorio e non a un concello, porque consideramos importante que están zonas poidan estar representaas nestas capitalidades”.
Fotos e vídeos: O SIL.
Vídeo cedido.




