
A cuarda edición do “Encontro arredor do Viño”, impulsado pola asociación Quiroga en Marcha, desenvolverase na fin de semana do 13 ao 15 de xuño baixo título ‘Montefurado: patrimonio e terroir’.
Este evento vén de presentarse nun acto que contaba coa presenza do alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, e do delegado da Xunta en Lugo; xunto a Juan Luis Vázquez, en representación do colectivo organizador; e a enóloga Alba López.
O programa inclúe visitas guiadas ás adegas Alvaredos-Hobbs e Casa de Outeiro, así como un percorrido por viñedos de Montefurado dirixido por Víctor Aira, de Adamare Wines, que falará sobre o proceso de recuperación de viñas.
Así mesmo, haberá unha mesa redonda sobre ‘O Terroir de Montefurado’, na que intervirán representantes de Bodega Algueira, Abadía da Cova, Casa de Outeiro e Adamare Wines.
As xornadas tamén afondarán na historia e características do túnel romano de Montefurado, que centrará unha charla na Casa da Cultura de Quiroga o sábado 14 de xuño, e unha visita comentada por un arqueólogo o domingo 15.
As prazas son limitadas en todas as actividades salvo a conferencia e a mesa redonda, que serán de acceso libre ata completar aforo. A cita terá como presentadora á sumiller e divulgadora enolóxica Mónica Rosón.