
O Centro de Saúde de Nogueira de Ramuín vivía o 4 de setembro unha xornada moi especial. Antonio Núñez Guntiñas, enfermeiro de Atención Primaria, despedíase da súa vida profesional despois de 46 anos traballando na sanidade, os últimos 31 anos como enfermeiro en Nogueira de Ramuín.
Conta cunha longa traxectoria que comezou en 1980 na antiga Residencia Sanitaria de Ourense e que o levou tamén polo Hospital Provincial Santa María Nai, a Dirección Provincial de Sanidade e os centros de saúde de Taboadela e Toén. Ao longo destes anos asumiu tamén responsabilidades como director de Enfermería de Atención Primaria e participou activamente en diferentes ámbitos da profesión, sempre cun mesmo obxectivo: contribuír a mellorar a enfermaría e a atención aos pacientes.

“Gústame moito o meu traballo. Procurei estar en todos os sitios nos que se podía axudar a avanzar en beneficio da nosa profesión», lembra Antonio ao facer balance de todos estes anos. Foi tamén testemuña privilexiada da enorme transformación experimentada pola sanidade nas últimas décadas e, sobre todo, da evolución na maneira de atender e acompañar ás persoas.
E despois de tantos anos, recoñece que despedirse non resulta doado. “Traballar na sanidade é un traballo que engancha, sobre todo cando estiveches a gusto. Ao final queda un pouco de pena deixalo”, di.
E iso porque detrás de 46 anos de profesión quedan miles de consultas, pacientes, compañeiros, experiencias e momentos compartidos. Pero, sobre todo, queda unha maneira de entender a enfermaría baseada na proximidade, no compromiso e no coidado das persoas.
