
O Concello de Verín presentou a programación do Entroido 2026, unha edición que “aposta con forza por unha celebración vivida nas rúas durante o día, a participación popular, a recuperación das figuras tradicionais e o compoñente gastronómico propio destes tradicionais festexos, incorporando como principal novidade o Xantar do Capuchón, unha iniciativa pensada para poñer en valor unha das figuras máis identitarias da festa”.
O programa era presentado na mañá deste luns 26 de xaneiro pola concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, Samanta Barreira, quen destacou que “o Entroido de Verín é unha festa que se vive na rúa, desde a mañá ata a noite, e esta programación busca precisamente reforzar ese carácter aberto, participativo e popular que o define”.
O Entroido de Verín 2026 desenvolverase entre o Xoves (5 de febreiro) de Compadres e o Martes de Entroido (17 de febreiro), cun calendario intenso e diverso que converterá a vila nun escenario festivo permanente (5, 7, 8, 12, 13, 14, 15, 16 e 17 de febreiro). En total, o programa suma máis de 165 horas de música en directo e 56 actuacións, entre charangas, grupos, orquestras, animacións itinerantes e actuacións en espazos centrais como a praza García Barbón e distintas rúas do casco urbano.
No eido musical contará cunha destacada presenza de orquestras e grupos de referencia, que protagonizarán as grandes noites festivas na praza García Barbón. Formacións como Miramar, Marbella, La Oca Band, Alkar, Triunfo, La Banda de Ayer, Grupo América ou Magos, xunto a actuacións como Pappaquino ou sesións de DJ e discos móbiles, conforman unha programación variada que combinará diferentes estilos e propostas para públicos diversos ao longo de toda a semana do Entroido.

Xunto a elas, as charangas terán un papel fundamental como alma sonora da festa, acompañando desfiles, sesións vermú e animacións itinerantes desde a mañá ata a noite. Agrupacións como Los Támega, Noroeste, Vakapinta, TDB, Airiños do Cereixo, Os Kokakolas, Xuntanza, Como Queiras Band ou Jalácticos, entre outras, garantirán unha presenza constante de música nas rúas, reforzando o carácter participativo e popular do Entroido e mantendo vivo o ambiente festivo en cada recuncho da vila.
Como importante novidade, Barreira destacou o denominado Xantar do Capuchón, que terá lugar o sábado 8 de febrero desde a mañá. Esta iniciativa nace co obxectivo de “potenciar a convivencia, a participación veciñal e o Entroido de día, tomando a figura do tradicional Capuchón como elemento central da celebración”. A iniciativa complétase cunha programación continuada de música, animación e ambiente festivo ao longo de toda a xornada, convertendo o centro da vila nun espazo de encontro e celebración colectiva desde as primeiras horas do día.
Neste contexto, a concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, Samanta Barreira, animou á participación activa da veciñanza e das persoas visitantes, sinalando que “queremos que o Xantar do Capuchón sexa unha xornada para vivir o Entroido como se fixo sempre: na rúa, compartindo mesa, música e festa, e convidamos a todas e todos a vir co seu capuchón (non sendo, por suposto obrigatorio) e gozar dun día de celebración popular”. Barreira subliñou ademais que esta proposta “busca recuperar e poñer en valor unha figura tradicional do noso Entroido, dándolle protagonismo a gatronomía, á convivencia e á participación, que son sinais de identidade da festa en Verín”.
O xantar celebrarase no Pavillón de Deportes, cun prezo de 28 euros. A asistencia será gratuíta para menores de 6 anos, sendo imprescindible retirar o correspondente ticket. A venda de entradas realizarase no Pavillón de Deportes, en horario de 12 a 14 e de 19 a 21 horas.

Xunto a esta nova aposta polo Entroido de día, o programa mantén as citas máis emblemáticas da celebración, como o xuízo e queima do Maragato no Xoves de Compadres, o Domingo de Corredoiro, o Desfile Infantil de Comadres, o día de compadreo e os grandes desfiles do Domingo e do Martes de Entroido; así como unha ampla oferta musical nocturna e propostas específicas para público familiar e infantil, especialmente na xornada do luns de Entroido.
Xunto a estas citas, o Domingo de Corredoiro contará tamén cun momento especialmente emotivo coa celebración da Vaquerada – Homenaxe a Toño Torcuato “O Cesteiro”, último vaqueiro de Verín. A homenaxe, organizada polas súas amizades, terá lugar na tarde do domingo, cunha concentración de vaqueiros ás 18 horas na rúa Montemaior, seguida dun pasarrúas ata a praza Maior, acompañados dunha charanga, e culminará cun acto de homenaxe ás 19 horas, a cargo de Xosé Carlos Caneiro e Manolo Cazoleiro. Desde a organización do evento anímase á participación acudindo vestidos de vaqueiros, indios ou cabalos, reforzando así o carácter simbólico e colectivo do acto.
Desde o Concello de Verín destácase que o Entroido 2026 “consolida o seu modelo festivo sen perder a súa esencia”, combinando tradición, participación e festa colectiva, cun programa deseñado para que a veciñanza e as persoas visitantes vivan o Entroido nas rúas, durante todo o día e para todas as idades.
A programación completa poderá consultarse nos canais oficiais do Concello e na web oficial do evento.