
Logo de días intensos nos que o Entroido cobraba a súa máxima intensidade, esta tradición, con forte raigame no rural galego, chega a súa fin nesta vindeira fin de semana, con citas en localidades como Xinzo de Limia ou A Veiga.
Un ano máis, grazas ao esforzo e labor dos veciños que con ilusión e moitas horas de traballo, preparativos e enxeño, esta tradición continúa moi viva no rural galego. Dende o Periódico O SIL e a revista “Entroido en Galicia” queremos agradecer o seu traballo e constancia e facémolo, de maneira simbólica a través desta foto, que reúne a varias xeracións de entroideiros en Bidueira (Manzaneda), nunha imaxe tomada na visita que o Fulión de Requeixo lle facía o Sábado de Entroido a esta aldea.
Nela aparecen varias xeracións representadas, con Aquilino á cabeza, porque o Entroido é unha festa interxeracional e na que rituais, costumes e artesanía se perpetúa de pais a fillos e de avós a netos. Esperamos que así siga acontecendo durante moito tempo.