SanidadeÚltima hora

O equipo de enfermería da área cirúrxica do CHUO, finalista do premio nacional ‘Enfermería en Desarrollo 2025’

O traballo premiado consiste nunha investigación que demostra que unha intervención educativa preoperatoria realizada por enfermería pode reducir significativamente a ansiedade, baixar a tensión arterial sistólica e mellorar a percepción do estrés ambiental dos pacientes tras unha cirurxía

 

O equipo de enfermaría da área cirúrxica do Hospital Universitario de Ourense foi distinguido como finalista na categoría de “Calidade Percibida” dos Premios Enfermería en Desarrollo 2025, entregados no Teatro Real de Madrid. Aínda que finalmente non resultaron gañadores, o seu proxecto foi seleccionado como unha das dúas propostas que optaron ao premio final entre decenas de candidaturas de toda España, un recoñecemento que subliña o alto nivel profesional, científico e humano do seu traballo.

Os Premios Enfermería en Desarrollo, impulsados pola Fundación para o Desenvolvemento da Enfermería (FUDEN), están considerados unha das citas máis importantes e prestixiosas da enfermidade e a fisioterapia a nivel estatal. Ser finalista nestes galardóns, chamados “os premios Goya da enfermaría” implica situarse entre os mellores proxectos do país, recoñecidos pola súa calidade, impacto asistencial e capacidade de mellora para os pacientes.

Segunda Alba Alonso, enfermeira da área cirúrxica e primeira autora do estudo “Chegar a ser finalista xa foi un premio en si mesmo e que un xurado nacional recoñeza este traballo significa que a enfermería ten moito que aportar na humanización e na preparación emocional dos pacientes antes dunha cirurxía”.

 

 

Un traballo que avala o valor da educación sanitaria preoperatoria

O equipo formado por Alba Alonso González, Cristina Núñez Lois, Anxela Soro Rodríguez, Paula Quintas Vila, Laura Rivero González e Manuel Eladio Atrio Padrón, presentou o estudo “Intervención enfermeira para a redución da ansiedade en pacientes cirúrxicos: ensaio clínico aleatorio”, unha investigación rigorosa que demostra que unha intervención educativa preoperatoria realizada por enfermería pode reducir significativamente a ansiedade, baixar a tensión arterial sistólica e mellorar a percepción do estrés ambiental dos pacientes tras a cirurxía.

O proxecto do CHUO, desenvolvido con 184 participantes, avala que unha sesión informativa de 20 minutos, personalizada e humanizada, é unha ferramenta eficaz para mellorar a experiencia do paciente e minimizar o impacto emocional da intervención cirúrxica.

A enfermeira Alba Alonso, destaca ademais a mensaxe central da súa investigación. “A ansiedade preoperatoria non é un detalle menor. Podemos reducila con información clara, acompañamento e presenza. Ser finalista fíxonos ver que este debe ser o camiño: seguir investigando e mellorando a experiencia dos nosos pacientes”.

 

 

A categoría de “Calidade Percibida” á que se presentou o traballo ourensán premia ás iniciativas que serven para mellorar a percepción que o cidadán ten dos coidados que recibe, e que promoven a mellora dos resultados en saúde da poboación. O proxecto gañador desta edición de 2025 foi para un estudo enfermeiro multicéntrico de tres hospitais da Comunidade madrileña xunto con dous hospitais do Reino Unido sobre un programa de planificación anticipada de decisións sanitarias.

A selección do traballo do equipo de enfermaría ourensán como finalista representa tamén un recoñecemento ao labor do Hospital Universitario de Ourense, ao seu compromiso coa humanización dos coidados e ao esforzo diario dos profesionais de quirófano. O proxecto, segundo destaca a Alba, “é froito do traballo en equipo e da vontade de facer que cada paciente se sinta acompañado, seguro e informado”.

Ser finalista nos Premios Enfermería en Desarrollo implica un respaldo profesional de primeira liña, non só pola competencia entre centos de proxectos, senón polo prestixio dunha gala que destaca innovación, calidade asistencial e impacto real nos pacientes.

Back to top button