Arredor dun cento de persoas asistían na tarde do sábado 14 de novembro ao magosto organizado polo equipo de fútbol sala O Bolo FS, desfrutando xuntos dunha xornada de convivencia arredor do fútbol e das castañas asadas.

O programa comezaba cun partido amigable “para amenizar a espera e xuntar aos veciños” entre o equipo local e Construcciones Chombo. E xa a partir das oito tiña lugar o animado magosto que incluía unha merenda con bolo preñado, panceta, castañas asadas, bebida, bica e chocolate.

Con esta exitosa iniciativa, O BOLO FS demostra que máis alá do deporte e da competición é capaza de xuntar á veciñanza, dándolles unha excusa máis para “saír da casa, achegarse ao pavillón, atoparse coa xente, animar, rir, celebrar e desfrutar xuntos dun partido”, o obxectivo co que nacía hai apenas uns meses.
Fotos e vídeos cedidos.