
O Victoria CF B, equipo feminino de fútbol que adestra a técnica valdeorresa Isabel Vázquez, afronta a eliminatoria de cuartos da IV Copa Coruña, que se disputará mañá, xoves 19 de marzo, fronte ao Sporting Burgo, con “ilusión e máximo respecto por unha competición que, malia a súa recente creación no ámbito feminino, xa está plenamente consolidada e conta cun gran atractivo”, asegura a adestradora.

Ela mesma explica que o Victoria CF “é o único club que estivo presente nas tres finais celebradas ata o momento, con dous títulos acadados, aínda que somos conscientes de que a historia non gaña partidos: non hai favoritos e todo debe demostrarse no campo”, di, asegurando que esta semana preséntase como “unha das máis esixentes da tempada, cun dobre compromiso decisivo para manter vivas as aspiracións tanto na Copa como na Liga”.

Na competición ligueira, o equipo chega como líder, con catro puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado e nove xornadas por diante, co obxectivo de “continuar traballando con humildade e ambición para manter o nivel competitivo mostrado ata o de agora”. En Copa, a meta é clara: “seguir avanzando e tentar alcanzar por cuarta vez consecutiva a final de Riazor”.

O equipo chega con boas sensacións, mostrando unha evolución constante no xogo e unha ampla marxe de mellora que invita ao optimismo. O excelente clima de traballo e o compromiso do grupo humano están a ser factores determinantes para o rendemento colectivo.

Ao mesmo tempo, o club mantén presentes os seus principios formativos. Como filial, a misión fundamental “é contribuír ao crecemento das xogadoras e preparalas para dar o salto ao primeiro equipo”, di Isabel, asegurando que compiten “para para medrar, aprender e construír o futuro deportivo da entidade”.

Fotos cedidas.