A vistosidade das danzas e tradicións dos seis grupos, procedentes de 4 continentes distintos, das XLI Xornadas de Folclore da Deputación e Ourense podía desfrutarse por vez primeira nesta edición nas vilas de Bande e da Rúa.
No caso desta localidade valdeorresa, o escenario das xornadas situábase, un ano máis, no Aguillón e nel o numeroso público deixábase conquistar neste 11 de agosto pola vistosidade de danzas, vestiario e sonoridade do grupo de Armenia, que comezaba cunha danza das terras altas de gran dinamismo e cor, pero tamén con pezas moito máis delicadas, como a executada por unha soa bailarina. Esta formación artística “Sebastia Dance Ensemble – Taron Aesthetic Center” chega por vez primeira ao festival, pero Armenia xa que ten estado representada nestas xornadas ata en tres ocasións, a primeira foi no ano 2006.
Creado no ano 1977, este grupo ofrece un programa que amosa as danzas e rituais ancestrais do pobo armenio. Foi presentado en máis de 400 actuacións en Yerevan e outras cidades de Armenia e leva participado en máis de 50 festivais de folclore de todo o mundo, recompilando numerosos recoñecementos e premios.
Logo actuaba co Ballet Jammu de Senegal. Esta formación xurdía en Dakar no 2008 froito dun proxecto no que se fusionan dúas ideas: crear un grupo de folclore estable e, á vez, unha escola de música e danza. Neste grupo participan mozos e bailaríns de todas as etnias do Senegal e amosaban na súa actuación na Rúa algunhas das danzas máis representativas do seu país, cun marcado protagonismo da percusión e mesmo de ancestrais máscaras.

E completaba o programa (que contaba con dous pases de cada un dos grupos) a Compañía Nacional de Danza Folclórica de Nieves Paniagua, creada en 1975 en Cidade de México. Achegaba bailes e músicas das diferentes rexións de México, cunha espectacular posta en escena na que mesmo se botaba man do lume.
Fotos: A.R.
Vídeos: O SIL.