Con ceos moi nubosos comezaba a “XIII Noite – Entre Lobos e Estrelas”, que promove o Club de Montañismo Montañas de Trevinca. O punto de partida era na noite do 20 ao 21 de xullo Vilanova (A Veiga) e a partir de aí os 14 participantes na marcha iniciaban un esixente traxecto de montaña duns 29,6 km de ruta co seguinte percorrido: Vilanova – Sestil Alto – Pena Trevinca – Picón (2079 m) – Laguna de los Patos – Laguna de Riopredro – Laguna de las Yeguas – Laguna de los Peces.
“Empezou a noite con ceos moi anubados, pero a partir das tres da mañá a lúa luciu con intensidade o resto da noite. O amancer foi magnífico cun ceo azul que se mantivo xornada ata chegar o final do percorrido na coñecida Lagoa de Peces xa en León, e moi perto do famoso Lago de Sanabria”, destacan dende o Club Montañas de Trevinca. O total dos participantes coincidían tanto na dureza como a beleza do percorrido.
“Para este tipo de percorridos moi esixentes, estamos pedindo moitas garantías tanto de equipo como de forma física dos participantes”, destacan dende a organización, que aposta por coidar de xeito especial a seguridade na actividade.
Fotos cedidas polos participantes.
