ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

O espectáculo musical ‘Percorrido’ do rués Magín Blanco, pechará a programación da XXIV Festa do Botelo do Barco

O director de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles, presentou a axenda paralela de actividades, patrocinada pola Xunta

 

Dobre cita para o director de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles na mañá deste venres 9 de xaneiro en Valdeorras coa que “confirma a aposta da Xunta de Galicia pola oferta turística desta comarca ourensá”.

Primeiro inauguraba o novo punto de información ao peregrino que tamén servirá de sede da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, en Fontei (A Rúa), e despois achegábase ata O Barco de Valdeorras para presentar a programación complementaria da Festa do Botelo, celebración, de interese turístico de Galicia desde 2014, que chega este ano á XXIV edición.

 

 

O acto central, co pregón, mención de honra e xantar no pavillón, celebrarase o sábado 17 de xaneiro, haberá actividades paralelas días antes e tamén despois.

Tal como explicou Merelles o programa comezará unha semana antes, o sábado 10 de xaneiro, co Concerto do Botelo a cargo do Orfeón Valdeorrés no Teatro Lauro Olmo. O mércores 14 de xaneiro haberá dous pases da película Mi postre favorito, coa colaboración do Cinema Club Groucho Marx. O día 16 inaugurarase na Sala Abanca a exposición ‘Arte e humor. O enxeño de Antonio Mingote’, e poderase asistir á obra Reconversión, de Ibuprofeno Teatro. E pecharase o domingo 18 co espectáculo musical Percorrido, do músico rués Magín Blanco.

 

 

Na presentación, o director de Turismo de Galicia estaba a compañado pola concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta; e polo alcalde, Aurentino Alonso, quen asegurou que a xente valora o Botelo e continúa a ‘botelomanía’. “A nivel galego esta festa forma parte do calendario galego”, dixo o alcalde, adiantando que o Concello “seguirá promocionando fóra do Barco a festa popular no pavillón, pero sobre todo nos negocios e que sexa un produto de calidade que se fabrica e vende na comarca servindo como un complemento máis de negocio para outro tipo de empresas, non só da hostalaría”.

 

 

Iso era, segundo Alonso o que se pretendía e xa se conseguiu. “Agora queda seguir consolidándoo, polo que convidamos á xente a que desfrute da festa reiterando o agradecemento a Turismo de Galicia”, cuxo investimento nos últimos anos na comarca de Valdeorras superou os 2,8 millóns de euros.

“A través do PSTD Valdeorras Ruta do Viño Milenaria destináronse 1,5 millóns de euros, aos que se sumaron 50.000 euros do convenio co xeodestino Trevinca-Valdeorras en 2025. Ademais, o Plan de Seguridade Viaria do Camiño para o Camiño de Inverno investiu en 2024 647.028,65 euros, sumando en 2025 outros 117.405,85 a través de actuacións en 38 km do itinerario”, aseguran dende a Axencia de Turismo, engadindo a estas cifras “149.910,18 euros das axudas a concellos de menos de 10.000 habitantes, distribuídos entre as localidades do Bolo, Larouco, A Veiga, Carballeda de Valdeorras e Petín”.

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button