
O vindeiro 20 de setembro San Xoán de Río converterase no epicentro da economía social e da tecnoloxía aplicada ao medio rural coa primeira edición de “Rural SocialTech”, unha mostra pioneira que combina stands, obradoiros e relatorios para proxectar o futuro do noso rural.
O evento terá lugar entre as 10:00 e as 20:00 horas no Salón de Plenos do Concello de Río, con entrada de balde, e reunirá a entidades, expertos/as e emprendedores/as para analizar os grandes retos do rural galego desde a perspectiva da economía social, a innovación tecnolóxica e o empoderamento da mocidade e das mulleres.
A mostra ten como finalidade “fomentar o emprendemento en economía social entre a xente nova e as mulleres do rural, impulsando o uso das novas tecnoloxías e a intelixencia artificial (IA) como ferramentas clave para frear o despoboamento e xerar novas oportunidades”, tal e como explica o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez.
Nesta cita reuniranse entre 10 e 12 proxectos de entidades de economía social de Galicia e doutras rexións, que presentarán iniciativas para fortalecer o tecido económico e social do rural a través da cooperación, a innovación e a transferencia de coñecemento.
Consolidación dun espazo de referencia
Con esta primeira edición, San Xoán de Río “dá un paso adiante como referente en innovación e economía social no rural galego, impulsando un foro anual que combina tecnoloxía, sustentabilidade e compromiso co futuro das nosas comunidades”, din dende o Concello.
O Programa da xornada
🔹 10:00 – 11:00 | Apertura da mostra
Percorrido institucional polos stands das catro zonas temáticas:
💻 Viveiro de Lideresas Dixitais
💡 Factoría de Ideas Xuvenís
🧠 Academia de Habilidades Dixitais
🤝 Punto de Encontro Interxeracional
🔹 11:00 – 13:00 | Sesión plenaria
Intervencións de representantes locais e expertos/as sobre temas clave:
Fondos europeos para o desenvolvemento rural e a economía social
Experiencias de financiamento en Galicia
Cooperativismo e proxectos tractores (Sembrando Iniciativa)
Oportunidades para o emprendemento feminino
Turismo sostible, innovación e emprego local
Rutas do Misterio e novas tecnoloxías aplicadas ao turismo
Xestión forestal e situación dos incendios en Galicia
Innovación social no territorio
Rural Innovation Hub: aplicación da IA e ferramentas dixitais no emprendemento social
🔹 13:00 – 14:00 | Networking interxeracional
Sesión de speed networking entre participantes, expositores e institucións.
🔹 14:00 – 16:00 | Pausa para xantar
🔹 16:00 – 20:00 | Mostra aberta ao público
Visita libre aos stands
Mini obradoiros de IA, marketing dixital, turismo rural, agricultura sostible e xestión forestal
🚀 Pitching final das ideas xuvenís xeradas pola mañá
🔹 20:00 | Clausura da mostra
Balance preliminar da participación e das ideas propostas.
Anuncio oficial da II edición de Rural SocialTech en 2026.