
O Festival Atlántica presenta a súa décimo cuarta edición, medrando, cun programa máis extenso, novas sedes (con ata 33 localidades, entre elas Quiroga e A Pobra do Brollón) e unha maior presenza de artistas e proxectos vinculados ao patrimonio cultural e á tradición oral. Para Soledad Felloza, directora do evento, o aumento das cifras revela “que tras trece edicións, o Festival Atlántica revélase como un importante creador de públicos e novos escenarios para a narración oral galega aínda en crecemento”.
A programación amplía significativamente a súa duración, con cinco días máis que na edición anterior, celebrándose do 26 de xuño ao 10 de xullo. Tamén reforza a súa presenza en todo o territorio: cun total de 33 localidades galegas, oito máis que o ano pasado. Do mesmo xeito, conta con 62 espazos escénicos e 50 artistas, con presenza de Galicia, Portugal, Navarra, Zamora, Huelva e Colombia, con continuidade do intercambio transfronteirizo e ibérico.
Asemade, continúa o Ciclo Novas Voces en varias sedes (Santiago, Mugardos, Ribeira, Pazos de Borbén, Outes, A Fonsagrada…) e amplíase o traballo en espazos patrimoniais, naturais e singulares en todo o territorio.
O festival conta co patrocinio xeral da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, da Deputación de Lugo e mais co apoio dos diferentes concellos que participan, como é o caso do Concello de Santiago de Compostela onde se realizou a presentación.
No anuncio da programación participaron a concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago, Míriam Louzao; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; o alcalde do Concello de Dodro, Francisco X. Castro; a alcaldesa do Concello de Vimianzo, Mónica Rodríguez; alcalde do Concello de Pazos de Borbén, Luciano Otero; o alcalde do Concello de Outes, Francisco Calo; a concelleira de Cultura e Turismo de Teo, María Margarita Rosende; así como membros do equipo organizador encabezados pola directora do festival, Soledad Felloza.
A directora do Festival destacou que “Atlántica é hoxe un festival maduro, cunha identidade consolidada e cunha rede de colaboración que medrou co tempo. Moitas das voces que protagonizan a escena actual da narración en Galicia compartiron os seus primeiros pasos con nós e hoxe percorren o país formando parte dun tecido creativo cada vez máis sólido”.
Soledad Felloza explica que “nun momento marcado pola velocidade e pola desconexión humana, seguimos reivindicando a importancia dos circuítos profesionais e dos espazos de encontro. Traballamos cunha arte milenaria, pero tentando responder a unha necesidade moi contemporánea: volver atoparnos. Coa mirada posta no presente e nas novas xeracións, estamos convencidas de que a capacidade de escoitar, compartir historias e construír comunidade é máis necesaria ca nunca”.
Di que Atlántica “quere seguir contribuíndo á consolidación dun ecosistema cultural diverso, descentralizado e conectado co territorio, favorecendo o encontro entre creadoras e creadores, institucións e públicos. Porque a palabra, ademais do seu valor artístico, continúa a ser unha ferramenta privilexiada para fortalecer os vínculos comunitarios e para xerar espazos de participación cultural e diálogo entre xeracións”.
Así mesmo, fixo fincapé en que coincidindo co 50 aniversario do falecemento de Ramón Otero Pedrayo, a edición de 2026 incorpora propostas que dialogan co legado dunha das figuras fundamentais da cultura galega, reforzando a conexión entre tradición e contemporaneidade e reafirmando o compromiso do festival coa memoria cultural de Galicia.
Asemade, a lectura pública da obra de Begoña Caamaño, realizada coa colaboración de ASPANAES e aberta á participación da sociedade galega, exemplifica a dimensión comunitaria e inclusiva do festival.
Sobre o recoñecemento ás figuras fundamentais da cultura galega, destaca que a entrega da Cornamusa de Honra á profesora e investigadora Camiño Noia supón unha homenaxe a unha das grandes especialistas no estudo e difusión do conto popular e da tradición oral galega, salientando o rol da muller non só na trasmisión se non tamén na investigación.
Máis territorio, máis comunidade
A principal novidade desta edición é a súa expansión territorial e temporal. Durante quince días, Atlántica levará a narración oral a castelos, castros, petróglifos, mámoas, lavadoiros, eiras e airas, pozos do liño, escolas indianas, museos, bibliotecas, xardíns botánicos e sendas ecolóxicas, centros culturais, espazos naturais e lugares patrimoniais de toda Galicia.
O festival chegará a 33 localidades das catro provincias galegas, dende A Coruña, Santiago, Ferrol, Mugardos, Teo, Ribeira ou Vimianzo ata Ourense, Castroverde, Quiroga, Taboada, A Fonsagrada ou Xunqueira de Ambía, entre outras, consolidando unha rede cultural que conecta ámbitos urbanos e rurais a través da palabra contada.
Esta aposta polo territorio compleméntase cunha programación que continúa a explorar a relación entre patrimonio material e patrimonio inmaterial mediante roteiros narrados, conferencias, visitas guiadas, propostas vinculadas á memoria popular e espectáculos creados especificamente para espazos singulares.
Novas voces para novos tempos
A renovación da escena da palabra continúa a ocupar un lugar central na filosofía de Atlántica. Nesta edición consolídase o Ciclo Novas Voces, unha aposta pola creación contemporánea e polo diálogo entre xeracións que permitirá compartir escenario a artistas con traxectoria recoñecida e a novas creadoras e creadores procedentes de diferentes territorios, grazas á colaboración con outros festivais como o AHOZ AHOZ de Guipuzcoa, o Festival de Zamora e coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
A presenza de Amaia Elizagoien, Esmeralda Folgado, Fernando Palitos ou Santiago Giraldo “Profe Kuro”, entre outras participantes do ciclo, reforza a vontade de Atlántica de abrir espazos profesionais para o encontro, a experimentación e a incorporación de novos relatos, novas linguaxes e novas maneiras de habitar a palabra escénica.
Porque Atlántica entende a tradición oral como unha cultura viva, en constante transformación, onde memoria e creación dialogan para seguir construíndo historias capaces de conectar co presente e coas novas xeracións.
Unha escena da palabra sen fronteiras
Atlántica reunirá este ano 50 artistas procedentes de diferentes lugares da península ibérica e América Latina. Xunto á ampla representación galega, participarán creadoras e creadores de Portugal, País Vasco, Zamora, Huelva e Colombia, fortalecendo a dimensión internacional do festival e consolidando unha rede de intercambio arredor das artes escénicas da palabra.
A programación ofrece propostas para todos os públicos e sensibilidades, desde espectáculos para persoas adultas e familiares ata actividades para a infancia, estreas, roteiros patrimoniais, conferencias e lecturas públicas. Un conxunto de experiencias que dialogan coa memoria e a tradición, pero tamén coas novas formas de creación e cos xeitos contemporáneos de compartir historias.
A palabra como patrimonio vivo
Fiel á súa esencia, Atlántica continúa defendendo a narración oral como unha ferramenta de cohesión social e un patrimonio vivo que se transforma coa sociedade. A edición de 2026 reforza especialmente o diálogo entre tradición e contemporaneidade, entre memoria e creación, entre territorio e comunidade.
O programa reúne propostas inspiradas na cultura popular galega, nas lendas e seres míticos, na historia dos lugares e nas historias que forman parte da nosa memoria compartida. Unha programación diversa que conecta tradición e contemporaneidade, explorando novas formas de creación arredor da palabra e ofrecendo experiencias pensadas para diferentes xeracións e maneiras de vivir a cultura.
Fiel á súa esencia, Atlántica continúa a reivindicar a palabra como unha arte escénica viva, capaz de xerar comunidade, fortalecer os vínculos co territorio e crear espazos de encontro onde as historias do pasado dialogan coas preguntas e sensibilidades do presente.
A diversidade como parte da escena
Desde hai máis dunha década, Atlántica traballa para facer da cultura un espazo máis aberto, inclusivo e compartido. Moito antes de que a accesibilidade ocupase un lugar central nas políticas culturais, o festival xa incorporaba medidas destinadas a garantir o dereito de todas as persoas a participar das artes escénicas da palabra.
Nesta edición, varias propostas contarán con interpretación en lingua de signos, dando continuidade a un compromiso sostido no tempo.
A diversidade tamén estará presente nos propios escenarios, coa participación do artista non vidente Francisco de Romualdo, e en proxectos construídos en colaboración coa comunidade, como a lectura pública de textos de Begoña Caamaño, na que participa activamente ASPANAES.
Porque para Atlántica a accesibilidade non é unha medida puntual nin un apartado específico da programación, senón unha forma de entender a cultura: como un lugar de encontro, de coidados e de celebración da diversidade. Unha cultura viva, capaz de acoller diferentes voces, experiencias e maneiras de habitar a palabra.
Toda a programación en festivalatlantica.gal

