Orfeón Valdeorrés, Orfeón Trivés e Coro Ludus Tonalis. Son as tres agrupacións que na tardiña deste sábado 8 de novembro enchían de música o Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras.




O primeiro en subir ao escenario do festival de outono coral, era o anfitrión e organizador, o Orfeón Valdeorrés que dirixe José Ramón Mansilla.
Despois tocáballe o turno ao Orfeón Trivés que dirixe Sandra González e que dentro de dúas semanas dará un concerto na Casa de Galicia, en Madrid. O coro adicaba varias pezas a Mansilla.
Os últimos en actuar eran os membros do coro de cámara Ludus Tonalis da Coruña, poñendo o broche ao evento a entrega de agasallos por parte dos anfitrións aos coros convidados.




O Orfeón Valdeorrés leva tempo preparando o repertorio para as actuacións dos dous meses do ano. A seguinte cita será mañá, domingo día 9 de novembro, na misa en Villafranca del Bierzo “anticipando a celebración de Santa Cecilia”, explica a presidenta, Rose Deus. E xa o 20 de decembro, tamén no Teatro Lauro Olmo ás 20 horas, celebrarán o xa tradicional Concerto de Panxoliñas.




Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.