
Os vindeiros días 21 e 22 de novembro, o Xeocámping Montañas do Courel, en San Clodio (Ribas de Sil), acollerá “O Fiadeiro. Territorios que conectan”, un encontro participativo que reunirá entidades, empresas, cooperativas e profesionais vinculados ao Courel e á Ribeira Sacra.
“A iniciativa pretende fortalecer as conexións entre proxectos dos dous territorios, favorecer o intercambio de experiencias, compartir recursos e impulsar novas oportunidades de colaboración nos ámbitos do turismo, patrimonio, cultura, medio ambiente e economía social”, tal e como indican os seus promotores.
A proposta aposta por un formato participativo, con espazos de diálogo e traballo en pequenos grupos, para favorecer o coñecemento mutuo e a creación de iniciativas conxuntas. A economía social e o traballo en rede serán algúns dos eixes centrais dunha xuntanza que busca dar resposta compartida a retos como o despoboamento, a estacionalidade turística e o relevo xeracional.

O encontro está organizado pola cooperativa Aventeira, entidade xestora do Xeocámping Montañas do Courel, e conta coa colaboración do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, o Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e EspazoCoop. Está financiado pola Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES), no marco do programa EFESO, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+).
A participación é gratuíta e inclúe xantares e cafés, e require inscrición previa antes do luns 16 de novembro.
Máis información e inscricións:
Teléfonos: 722 349 477 / 624 016 489
Correo electrónico: coordinacion@xeocamping.es