CulturaCulturaÚltima hora

O FIC Vía XIV adía a súa décima edición pola situación actual que se vive na contorna polos incendios forestais

Imaxe dunha edición anterior do festival verinés./ Foto: FIC Verín Vía XIV.

 

Dende a directiva do FIC Vía XIV anunciamos que o festival se pospón por mor das consecuencias dos incendios forestais no noso territorio. Esta non é unha decisión que tomemos dende a urxencia, senón dende a comprensión e responsabilidade coa situación actual.

O festival, que ía realizarse entre o 28 de agosto e o 6 de setembro, posponse para unha data aínda por determinar. «A nivel persoal, parte do equipo pasou días enteiros pendente das lapas; a nivel loxístico, as instalacións do festival están ocupadas con recursos para as persoas e territorios afectados polos incendios; a nivel seguridade, aínda que a situación mellorou nos últimos días, sabemos que pode revertir; e, sobre todo, a nivel humano, consideramos que non é o momento axeitado para realizar eventos deste tipo na contorna, non só polos propios incendios, senón tamén polos danos colaterais e inminentes que se manifestarán na comarca», subliñan desde o equipo directivo.

Este ano o FIC Vía XIV orbita ao redor do tema da posverdade. Tras o acontecido, consideramos que abordar esta temática é máis necesario ca nunca: que discursos se xeran ao redor dos lumes? Como se transforman as historias a través das redes sociais e os medios de comunicación? De seguro aproveitaremos, cando se poida, esta décima edición do FIC Vía XIV para afondar nas estruturas que controlan as narrativas que envolven o noso día a día.

Dende o equipo do festival queremos mandar unha mensaxe de apoio a toda a veciñanza e corpos e forzas de seguridade que están a loitar e padecer as consecuencias dos lumes.

Back to top button