
O FIC Vía XIV de Verín vén de dar a coñecer as curtametraxes premiadas na súa décima edición, que recoñece as obras destacadas nas seccións competitivas A Raia e Nova, así como a favorita do público.
O Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe de A Raia, dotado con 1.000 euros, foi para Abellón, de Fon Cortizo. O filme propón unha aproximación innovadora á percepción audiovisual a través do diálogo entre un home e unha muller que comparten impresións sobre os seus soños. A composición sonora e o uso da palabra constrúen unha experiencia cinematográfica que explora outras formas de ver e sentir, abrindo novas posibilidades de acceso ao cine para persoas cegas ou con discapacidade visual.
Nesta mesma sección, o xurado concedeu unha mención de honra a Pura, de Carmen Méndez. O documental percorre tres xeracións de mulleres para abordar as perdas, o envellecemento e os coidados desde a intimidade das relacións familiares. A película constrúe un retrato sobre o amor e a continuidade da vida ante a ausencia, sen ocultar a dureza da realidade que retrata.
Na sección Nova, o Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe, tamén dotado con 1.000 euros, recaeu en People & Things, de Damien Kosovski. A película aborda o do e a dificultade de asumir unha perda cando non existe unha confirmación definitiva da morte. A través dunha narrativa que explora a relación entre memoria, incerteza e aceptación, o filme amosa como a ausencia afecta tamén a persoas que, sen formar parte directa do núcleo familiar, acaban compartindo as consecuencias da perda.
Pola súa banda, o Premio Especial do Público, dotado con 600 euros e trofeo, foi para Walud, de Daood Alabdulaa e Louise Zenker. Ambientada en 2014 no deserto sirio, a película segue a Amuna e ao seu marido Aziz, un combatente do Estado Islámico que viven como pastores. A súa vida cotiá dá un xiro cando el incorpora ao fogar unha segunda esposa: unha moza europea que se converteu ao Estado Islámico. A través desta historia, a curtametraxe aborda a presión social sobre as mulleres arredor da maternidade e as relacións de poder nunha sociedade patriarcal.
Con esta décima edición, o FIC Vía XIV, organizado pola asociación Vía XIV, xestionado por KTORCE, patrocinado polo Concello de Verín e co apoio de Gadis e Caldaria, pecha un aniversario que invita tamén a facer balance dunha década de traxectoria na que o festival achegou o cinema a Verín e creou espazos para descubrir, compartir e gozar da creación audiovisual. Dez anos de experiencias e traballo compartido que marcan un momento para mirar o camiño percorrido e pensar nos retos e posibilidades que se abren por diante.